19 de abr. de 2021

O ROSAL

Maxia e letras co Mago Teto, para ilusionar e divulgar en galego  

· Actuación de balde e para toda a familia, ao abeiro da programación de abril, mes do libro no Rosal 

· Será este domingo 25 de abril, ás 19.00 horas no auditorio municipal e é necesaria inscrición previa 


O Mago Teto
Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 Nova actuación esta fin de semana para toda a familia ao abeiro da programación especial organizada polo Concello para este abril, mes do libro no Rosal, co que se busca conmemorar o Día do Libro que se celebra o vindeiro día 23 deste mes, ao tempo que se convida á veciñanza de todas as idades a desfrutar da lectura e da literatura de moitas formas diferentes. Así, este domingo 25 de abril chega ao Auditorio Municipal (19.00 h) o Mago Teto con ‘As nosas letras’, o seu primeiro espectáculo coa dinamización e defensa do galego como vehículo condutor das diferentes maxias coas que sorprenderá nesta actuación. 

 Con este espectáculo o Mago Teto rende unha homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas pezas da literatura galega: dende as primeiras manifestacións literarias en galego no misterioso Medievo ata as letras das cancións escritas nos últimos anos, pasando polos Séculos escuros, o Rexurdimento ou o século XX coas súas guerras, ditaduras e prohibicións que tanto influíron na situación actual da lingua galega.  

 Durante a tarde o público poderá desfrutar de marabillosas maxias a través das que se espertará en todas as persoas presentes o coñecemento histórico e contemporáneo do galego levando a escena a recomposición das cantigas de Afonso X O Sabio, descubriralles a incrible espada enmeigada de Merlín e Familia, verán aparecer os debuxos de Castelao da man do seu espírito ou desfrutarán da adiviñación semántica coas obras de Vicente Risco, Rosalía de Castro ou Eduardo Blanco Amor. En definitiva, unha unión de maxia e letras coa que ilusionar e divulgar en galego.  

 O espectáculo terá entrada de balde e con aforo limitado a 60 persoas, polo que será necesaria inscrición previa a través da web do Concello para reservar entrada. A actuación desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.  

Programación do mes 

 A programación deste mes complétase cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a participar no concurso de fomento da lectura que se está a celebrar, para o que hai que enviar un vídeo recomendando un autor e un libro e mesmo lendo un parágrafo da obra. Ademais, membros do Club de Lectura do CPI Manuel Suárez Marquier están a facer as súas recomendacións de forma visual e diferentes rosaleiros e rosaleiras participarán na lectura de ’27 historias para tomar sopa’ poñéndose ante a cámara para ler as historias para nenos e nenas que recolle o libro.  

 Todas estas iniciativas están a difundirse durante todo este mes de abril a través da web e das redes sociais do Concello, como tamén se difundirá o premio ao bo lector na categoría de Infantil, Xuvenil e Adulto, que dará a Biblioteca municipal e que se entregará o vindeiro 23 de abril.  

 Dende o Concello quérese agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, promovendo unha cultura segura pensada para todos os públicos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario