30 de abr. de 2021

DEPORTES

A TRAIL LEAGUE VOLVE AO BAIXO MIÑO CARGADA DE ENERXÍA CON TRES PROBAS QUE CONXUGAN DEPORTE, NATUREZA E TURISMO   

· As etapas desenvolveranse nos concellos do Rosal e A Guarda e Tui, que chega como novidade, nos meses de maio, outubro e novembro




Infogauda / O Baixo Miño 

 As persoas amentes do trail están de parabéns, a Pontevedra Trail League chega este 2021 ao Baixo Miño cunha atractiva programación coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os concellos do Rosal, A Guarda e Tui e a empresa NOKO 360. A competición volverá a contar co Trail Adventure Muíños do Folón (no Rosal) e o Trail do Trega (na Guarda) aos que se suma este ano o Trail do Aloia (en Tui), que chega como novidade desta segunda edición. O Pazo Provincial - sede da Excma. Deputación de Pontevedra - acolleu hoxe a presentación destas probas, na que  estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a concelleira de deportes da Guarda, Mª Montserrat Magallanes, o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, e o director deportivo da Pontevedra Trail League, Serafín Martínez.  


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, coa alcaldesa do Rosal, a concelleira de Deportes de A Guarda, o concelleiro de Deportes de Tui, e os representantes da empresa organizadora do evento deportivo, esta mañá, na presentación da Pontevedra Trail League

Foto: D.PO.

 A presidenta provincial subliñou que a provincia de Pontevedra é “unha grande referencia na capacidade para unir a diferentes concellos cun obxectivo común”, tal e como evidencia a organización desta proba. Segundo indicou, a Trail League “non soamente potencia os valores do deporte senón que tamén fomenta o turismo deportivo” nun territorio cuns “valores paisaxísticos e unha beleza comparables cos lugares máis fermosos do mundo e cuns valores medioambientais que fan que o evento estea chamado a medrar cada ano máis”. O trail é un deporte que “cada vez ten a máis persoas que o practican, o seguen e o apoian e que son unha mostra de que esta é unha provincia é moi dinámica”, destacou Carmela Silva na súa intervención.  

 A primeira das probas será o Trail Adventure Muiños do Folón, que se levará a cabo o domingo 9 de maio e cuxas prazas esgotáronse en menos de 24 horas. O percorrido transcorrerá polos Muíños do Folón e do Picón, un lugar que forma “parte da identidade dos rosaleiros e das rosaleiras”, tal e como indicou Ánxela Fernández. Para a alcaldesa do Rosal “a Trail League supón un paso adiante no traballo conxunto que estamos a facer na comarca para transformar a nosa realidade”. Fernández destacou tamén que a pandemia fixo “que moitas cuestións que xa eran relevantes colleron un peso especial”. Neste senso referiuse ao “espazo natural e a valorización do patrimonio”, dúas das liñas nas que se desenvolve esta proba deportiva.  

 Será o 17 de outubro cando chegue á Guarda o Trail do Trega, no que as e os participantes percorrerán o Castro, do que este ano se celebra o centenario do seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural. Neste senso, a concelleira de deportes da Guarda agradeceu “de maneira moi expresa” á Deputación o ter feito “nos últimos anos as inversións máis impotentes para por en valor un dos bens máis relevantes da provincia”. Mª Montserrat Magallanes lembrou que unha das obrigas das administracións públicas é “facer felices ás persoas”, algo que se fai posible coa celebración desta proba porque “facer deporte nun territorio como é o Baixo Miño é todo un espectáculo ao combinar actividade física, natureza e patrimonio”.   

 A derradeira das probas será o Trail do Aloia, a novidade deste ano, que se celebrará o 7 de novembro “nun parque natural ao que lle imos a sacar un partido impresionante”, tal e como indicou Rafael Estévez. O concelleiro de deportes de Tui amosouse moi agradecido coa organización desta proba, a cal sinte moi de preto.  

 Todas as probas contan cunha distancia entre 15 e 18 quilómetros e un límite de 400 participantes en cada unha. Ademais, seguiranse nelas todos os protocolos de hixiene sanitaria. Serafín Martínez aproveitou a súa quenda de palabra para resaltar o éxito que teñen estes eventos a pesar de realizarse “en plena pandemia”. Para o director deportivo da Pontevedra Trail League é “fantástico que haxa un 42% de mulleres participando na proba”, un dato que pon de manifesto que a competición cumpre cun obxectivo de “abrir a todo o mundo este tipo de actividades”. Ademais, con esta competición “non pensamos só no deporte, tamén o facemos na economía local e no conxunto da cidadanía” destes tres concellos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario