7 de abr. de 2021

A GUARDA

O alcalde de A Guarda traslada ao conselleiro as demandas da localidade en materia de sanidade

• Antonio Lomba Baz tamén lle pediu ao conselleiro que fose sensible co situación de afastamento do Centro de Saúde de A Guarda con Vigo á hora de repoñer persoal sanitario



Antonio Lomba Baz, alcalde do Concello de A Guarda, nun momento da videoconferencia co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e co xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto - Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O alcalde do Concello de A Guarda Antonio Lomba Baz, vén de manter unha xuntanza por videoconferencia co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto. 

 Este encontro, que realizouse de xeito telemático, era unha demanda recorrente do alcalde para trasladar aos responsables sanitarios o sentir dos traballadores do Centro Sanitario de A Guarda e da veciñanza da localidade, en relación á situación da Atención Primaria no municipio. 

 As principais reclamacións expostas por Antonio Lomba están relacionadas coa cobertura das ausencias de persoal por xubilación, baixas, vacacións,  etc., motivos pos cales solicitou unha cobertura máis completa e estable das vacantes para que os médicos poidan facer un seguimento dos pacientes e os profesionais da sanidade pública melloren as súas condicións de traballo. 

 Tamén se fixo eco das reclamacións das familias en relación á cobertura da praza de pediatría, a titular da mesma leva 6 meses de baixa cunha cobertura discontinua que dificulta a atención e seguimento dos pacientes. Desde Praza do Reló, nº 1, o presidente do concello guardés solicitou tamén que se faga todo o posible para que os concursos de traslados non repercutan de forma negativa no cadro de persoal do Centro de Saúde de A Guarda. 

 Así mesmo, Antonio Lomba solicitou que se completase o servizo de enfermeiría que na actualidade non cumpre a paridade co cadro médico. 

 Antonio Lomba tamén pediulle ao conselleiro que fose sensible co situación de afastamento do Centro de Saúde de A Guarda con Vigo á hora de repoñer persoal sanitario e configurar unha plantilla o máis estable posible. 

 A xuntanza trancorreu de forma cordial e os responsables de Sanidade trasladaron ao alcalde de A Guarda a súa consideración respecto á situación de illamento do Centro de Saúde e a intención de mellorar, na medida do posible, o cadro de persoal e de atención primaria na localidade guardesa. 

 Finalmente, Antonio Lomba pediulle ao conselleiro que traballara en solucións de futuro para Centros de Saúde coma o de A Guarda, para mellorar a Atención Primaria nas zonas rurais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario