8 de abr. de 2021

PONTEVEDRA

Areeiro chama a iniciar a vixilancia nas viñas ante a previsión de cambios na climatoloxía 

O centro dependente da Deputación de Pontevedra suxire tamén revisar periodicamente as plantas de buxo e tratalas se é preciso para controlar a praga da bolboreta



Follas de vides con manchas de mildio - Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que fai fincapé na necesidade de aplicar os tratamentos contra o mildio de xeito razoado e non por calendario, como se fixo tradicionalmente, cumprindo deste xeito coa normativa vixente. Ademais, desde Areeiro recalcan que é imprescindible realizar as intervencións cando o vento estea en calma ou haxa unha brisa lixeira para que os produtos queden na viña e non sexan arrastrados a outras zonas, tal e como aconteceu nos últimos días. Desde o centro poñen tamén o foco na necesidade e iniciar a vixilancia nas viñas posto que as condicións meteorolóxicas deron lugar a aparición dunha primeira mancha de mildio nunha zona do Salnés, aínda que se considera un feito excepcional.

 O persoal técnico da Estación non detectou ningunha outra praga ou patóxeno de relevancia mais si dá aviso da presenza de caracois nalgunhas viñas que poden eliminar parte das follas e gromos, e ser mesmo un problema en predios con escaso crecemento. En canto á praga da bolboreta do buxo, á que se facía mención no último aviso, cabe destacar que a súa situación é variable segundo a efectividade dos tratamentos xa realizados así como da súa situación máis ou menos exposta das sebes. Polo tanto, é preciso revisar periodicamente as plantas e tratalas se aínda hai eirugas vivas. Doutra banda, no que respecta ás camelias, Areeiro considera que é o momento para aplicar un tratamento fronte aos ácaros responsables da caída do botón floral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario