29 de abr. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda organiza o Ciclo de concienciación medioambiental “Sostendo o futuro” 

Proxeccións, charlas, rutas e espectáculos infantís, son algunhas das propostas a realizar nos meses de maio e xuño 




Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda ten en marcha un ciclo de propostas coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna. Para este fin desde a Concellaría de Medio Ambiente foi deseñado un programa de diferentes actividades que nos motiven a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e aparentemente insignificantes, máis de grande transcendencia a nivel planetario.




 A primeira das actividades terá lugar o sábado 8 de maio ás 19:30h no Centro Cultural. Será a proxección do filme “O que Arde”, do director franco-galego Oliver Laxe, que nos traslada á importante problemática da xestión forestal e dos incendios que cada verán asolan os nosos bosques. E como a finalidade é xerar conciencia e aprender con estas actividades, a proxección irá seguida dun breve debate no que analizar co público as diferentes temáticas que se abordan no filme. 

 Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es 



 

 Para o venres 21 de maio, a proposta será unha charla a cargo de Amigos da Terra que terá lugar ás 20:00h no Centro Cultural. O evento tratará sobre a necesidade de cambiar o noso actual modelo de consumo de “usar e tirar”, por un que se achegue o máximo posible aos principios da economía circular, que procura o alongamento da vida útil de bens de consumo como os aparellos electrónicos ou a roupa. 

 Esa charla será impartida tanto nos centros educativos de primaria do municipio, onde terá lugar en horario de mañá, como no Centro Cultural para o público xeral en horario de tarde. 

 Amigos da Terra é unha organización que ten entre os seus obxectivos protexer o medio ambiente e promover alternativas baseadas no desenvolvemento sostible. 

 Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es  

 O sábado 5 de xuño é o día do Medio Ambiente e para conmemoralo a Concellaría de Medio Ambiente optou por unha actividade que divulgue a nosa contorna mais inmediata: as nosas árbores. Cada día paseamos pola nosa vila e descoñecemos as características e singularidades dos nosos xardíns, polo que este roteiro busca pór en valor o patrimonio natural da nosa localidade da man de A Jalleira, asociación forestal e de educación ambiental que conta con gran experiencia neste ámbito. 

 Debido ás limitacións de aforo, o roteiro realizarase en dúas datas: o sábado 5 de xuño de 18:00 a 20:30h; e o domingo 6 de xuño de 10:00 a 12:30h. 

 Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es  




 E para pechar este ciclo, nunhas datas de vísperas do comezo do verán, chega unha proposta para o público infantil e familiar coa compañía “Títeres Entucasa”. Abordará a problemática da contaminación dos nosos océanos, concretamente de como o incremento dos plásticos afecta ao plancton e aos cambios no hábitat das especies mariñas. 

 A representación de “Plancton” será o sábado 19 de xuño, ás 18:00h, na praia do Forte - coñecida popularmente como praia do Muiño -, en Camposancos. 

 Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario