A Praza do Calvario acolle unha exposición interactiva para amosar que o traballo non ten xénero
O protagonista da mostra será o público, que poderán poñer a súa cara ás figuras que conforman a exposición e que recollen traballos máis ligados a algún dos xéneros
Ao carón da exposición, unha lona recreará o teito de cristal ao que as mulleres teñen que facer fronte só polo seu xénero
O Concello do Rosal presenta desde hoxe a exposición ao aire libre ‘O traballo non ten xénero’ - Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Aínda quedan moitos pasos que dar no camiño cara a igualdade, comezando por concienciar e sensibilizar á veciñanza. Con este obxectivo, o Concello do Rosal organiza desde este mesmo venres 5 de marzo de 2021 a exposición ao aire libre ‘O traballo non ten xénero’, unha mostra conformada por diversas figuras de persoas sen rostro desempeñando traballos máis ligados a algún dos dous xéneros e que poderá visitarse ata final de mes na Praza do Calvario.
Trátase dunha exposición que busca a participación activa do público, que será o verdadeiro protagonista: as persoas que visiten a mostra poderán achegarse ás distintas figuras e poñer a súa cara nelas. “Queremos transmitir que calquera persoa pode ser o que desexe, sen importar se é muller ou home. Pode haber bombeiras, xuízas, limpadores, matróns... Calquera persoa pode ser o que queira, porque o xénero non ten que condicionar as nosas eleccións profesionais”, salienta a concelleira de Igualdade e Muller, Sara Vicente Salcidos.
Para afondar nos problemas cos que se atopan as mulleres por cuestións de xénero, a carón desta exposición estará colocada unha lona coa que se recreará o teito de cristal, esa barreira invisible que impide ás mulleres, por exemplo, acceder a postos laborais directivos ou de responsabilidade. As persoas visitantes poderán pasar por debaixo desta lona e ver algunhas das problemáticas laborais, sociais, familiares,..., ás que se enfrontan as mulleres ao longo da súa vida, “ese teito de cristal que temos enriba polo mero feito de ser mulleres e que temos que traballar para ir afastando ata facelo desaparecer”.
Estas actividades forman parte da programación centrada na igualdade organizada polo Concello do Rosal para todo o mes de marzo e que busca a implicación da veciñanza participando en accións como a colocación das pegatinas do ‘Revolucionando Mentes 8M’ en fiestras e escaparates. Estas pegatinas poden recollerse na casa consistorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario