O BNG DA GUARDA DENUNCIA A PRECARIEDADE LABORAL DAS MULLERES NA COVID
Beatriz Lomba Rodríguez (concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Non podemos permitir que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos. Esta crise non a imos pagar as mulleres”
Beatriz Lomba Rodríguez, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O BNG da Guarda vén de presentar unha moción este 8 de marzo na que demanda “do goberno central o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega. E da Xunta de Galiza a asumir as súas competencias en materia de atención á dependencia”.
A pandemia fixo visíbel o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. Enfermeiras, persoal sanitario, caixeiras de supermercados, coidadoras,... Mulleres que estiveron en primeira liña combatindo a Covid.
“Estes empregos están ocupados na súa maioria por mulleres, sendo ademáis os máis precarios e invisibilizados, moitos deles sen cobertura legal, a pesar do recoñecemento social e institucional, un ano despois as súas condicións laborais, economicas e sociais, non melloraron”, destacou Beatriz Lomba Rodríguez, concelleira do BNG. “Estes sectores - engade a concelleira nacionalista - sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións, froito das carencias dun sistema público de servizos básicos forte e pola falta de medidas por parte da Xunta e do goberno central”.
Beatriz Lomba tamén refire que “a crise da covid deixou en Galicia unha destrucción de 21.000 empregos dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres. A fenda salarial continúa a superar o 20% e ten tamén o seu correlato na fenda das pensións, cobrando as pensionistas galegas unha media de 300 euros menos. Esta situación continuará empeorando de non tomarse medidas”.
“Non podemos permitir que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos. Esta crise non a imos pagar as mulleres. Dende o BNG da Guarda animamos a participar na folga e na concentración convocada pola CIG, o próximo día 8 para construir un futuro de igualdade, liberdade e feminismo. Cómpre dar unha resposta contundente a esta situación”, concluiu Beatriz Lomba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario