COMUNICADO DA PLATAFORMA GALEGAS 8M DE VIGO
O grupo de galegas8m de Vigo, quere informar, a través deste comunicado que, tras ter comezado no mes de decembro as reunións para preparar a convocatoria do 8 de marzo de 2021, este luns culminará o noso traballo coa manifestación do 8 de marzo en Vigo.
Galegas8m é a plataforma que mobiliza as mulleres do país cada 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal.
Convocamos unha mobilización que, como nos anos anteriores, levará a reivindicación feminista ás rúas o luns 8 de marzo con saída ás 18:00 da praza dos cabalos e finalizando na praza de América e, baixo o lema SEN COIDADOS NON HAI VIDA. MULLERES EN FOLGA: ESENCIAIS, PRECARIZADAS E FARTAS!!!
Como nos anos anteriores, queremos que o 2021 en Galiza e, en concreto en Vigo, volte a ser un referente na mobilización das mulleres a nivel global, máis un ano faremos tremer a cidade, có berro do feminismo, tinxindo as rúas de lila.
Este 8 de marzo, novamente, poñemos os coidados no centro das nosas reivindicacións. Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizaremos o que está invisibilizado.
Este ano voltaremos a convocar folga de 24 horas de mulleres, e facemos un chamamento ás mulleres galegas a sumarse, en concreto, ás mulleres de Vigo a participar no acto convocado
• Contra un sistema, capitalista e patriarcal que asigna ás mulleres as tarefas de coidado, xerando o poder do mundo público e masculino, desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos. E para concienciar da importancia de todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, porque sen nós o sistema cae.
• Porque os traballos dos coidados que son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente, mesmo a pesares de resultaren actividades esenciais.
• Pola corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos.
• Contra a privatización dos servizos esenciais para o coidado, residencias, servizos de axuda no fogar, escolas infantís,... que enchen o peto duns poucos, a costa de escravizar a moitas.
• Para denunciar que na xestión da pandemia, as medidas laborais para a conciliación consistiron en reducir a xornada ou abandonara o traballo, abocando as mulleres a unha perda do seu nivel adquisitivo.
• Porque o traballo a distancia foi unha trampa para un importante número de mulleres, que sofren un detrimento da saúde física, emocional de psicolóxica.
• Para esixir dereitos para maternar de forma digna, denunciar a violencia exercida contra as nais.
• Para denunciar a precariedade das pensións das mulleres galegas.
• Para esixir que as empregadas do fogar deixen de formar parte dun réxime especial.
• Polos miles de mozas que se viron obrigadas a emigrar nas últimas décadas.
• Por todas aquelas mulleres que foron agredidas e desatendidas en plena pandemia.
• Porque esta pandemia levou a unha situación límite a moitas mulleres que xa estaban nunha situación de exclusión, pobreza, e precariedade.
• Pola demanda de despatoloxización e de autodeterminación, das mulleres trans.
• Pola situación de especial vulnerabilidade á que o estado expón ás mulleres presas.
• Porque estamos fartas de que o traballo no fogar, nas terras, e nos coidados funcione como un amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas.
• Por aquelas que hoxe non poden estar, por aquelas que enchedes os vosos balcóns de reivindicación feminista.
Temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. E avanzamos para acadalo desde a insubmisión, a rebeldía e a loita!! Abaixo o patriarcado capitalista e colonial!
En 5 de marzo de 2021.
Galegas8m
Ningún comentario:
Publicar un comentario