10 de mar. de 2021

LABORAL

COMITÉ DE EMPRESA BORGWARNER 

 Tras moitos meses de intensa negociación colectiva (dende novembro de 2019) para poder acadar un plan de igualdade efectivo e útil en BorgWarner, o pasado 23 de febreiro, data límite pactada, a parte social veuse na obriga de solicitar a mediación do AGA ante a negativa da empresa a afrontar problemas reais. Cabe lembrar que o plan de igualdade vixente na actualidade foi acordado no ano 2010, por un período de tres anos, sendo imposible dende o 2013 a súa renovación pola postura da dirección da compañía. 

 BorgWarner négase a aceptar as propostas da parte social en materia de desconexión dixital; na actualidade non existe nin política de desconexión dixital a pesares de ser obrigatorio por lei, polo que un número elevado de persoas do colectivo de técnicos/as está a sufrir as consecuencias en materia de xornada e de saúde laboral. 

 O teletraballo estase aplicando sen acordar e informar das condicións coa representación legal -a pesares de ser materia de negociación como o catálogo de mediadas, promoción profesional e contratación- para garantir una contratación xusta das persoas que fan parte da bolsa de contratación, así como, que sexa una ferramenta útil para aumentar a presenza de mulleres en produción. Xusto nun momento no que a produción da empresa está en mínimos, a empresa propón unha medida que, sendo realistas, no se aplicaría a corto ou medio prazo xa que non se estiman novas contratacións. 

 No eido da política retributiva a empresa trata de xustificar só as diferenzas salariais entre mulleres e homes que superen o 25%, tentando evadir o compromiso de facer un plan de actuación para a igualdade retributiva que afecte a todo o persoal da empresa. A parte social non vai a asumir que sexa soportable ou aceptable que as mulleres que traballan en BorgWarner, polo feito de ser mulleres, podan cobrar un 25% menos que os seus compañeiros homes. 

 Por medio da diagnose detectáronse importantes desigualdades retributivas, moitas superiores ao 20%, que nos obrigan a non aceptar o non establecemento de medidas que actúen contra esta clara discriminación. 

 Para finalizar, lembrar que o artigo 10.2 do RD 902/2020 recolle que “a obriga de xustificación superior ao 25% só afecta ao rexistro retributivo, sen que poda aplicarse para descartar a existencia de indicios de discriminación”. 

 E por isto, que o comité de empresa decidiu solicitar a mediación do AGA, que foi constituída o pasado día 1 de marzo; agardamos desbloquear a situación e intentar chegar a un acordo no ámbito da negociación; de non ser así, iniciaremos outras medidas de presión para defender os intereses do conxunto das persoas traballadoras de BorgWarner. 

CIG   UGT   SIT   USO   CGT   CCOO

Ningún comentario:

Publicar un comentario