9 de mar. de 2021

GALICIA

8M: As mulleres con problemas de saúde mental tamén contan nunha sociedade que as invisibiliza  

•    A propósito do Día da Muller, Saúde Mental FEAFES Galicia reivindica unha maior visibilidade e participación das mulleres con problemas de saúde mental e denuncia a violación dos seus dereitos.  

•    O proxecto fotográfico “Elas tamén contan”, realizado coa colaboración de Pedrido Fotografía, pretende poñerlle cara e darlle voz a mulleres con problemas de saúde mental. 

 


Ana Escrigas / Santiago de Compostela

 As mulleres con problemas de saúde mental son un colectivo frecuentemente invisibilizado e pouco considerado nunha sociedade na que prima a supremacía do home e na que existe unha importante discriminación cara a discapacidade. Por iso, a iniciativa “Elas tamén contan” pretende dar protagonismo a estas mulleres a través dunha serie fotográfica composta por 15 retratos de 5 mulleres.  

 Este proxecto foi realizado grazas á colaboración de Pedrido Fotografía a través do seu programa Agarimo de Responsabilidade Social Empresarial, o cal favorece o desenvolvemento de accións socialmente comprometidas coa visibilización de colectivos en situación de vulnerabilidade. 

 

                                                     Nuria
                                                     Tania

 As imaxes serán presentadas e difundidas de xeito dixital na páxina web e as redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia durante a semana do Día da Muller, que se conmemora o 8 de marzo. Realizarase tamén unha exposición virtual das mesmas, a través dunha galería dixital que simula unha sala de exposicións onde poderán verse todas as fotografías. Xunto aos retratos, a campaña inclúe unha serie de testemuños das mulleres nos que expresan as súas inquedanzas e fortalezas, permitindo así coñecelas máis e achegarnos ás súas experiencias de vida.  

Mulleres e saúde mental, unha tripla discriminación 

 As mulleres con problemas de saúde mental experimentan unha tripla discriminación debido á súa condición: o rexeitamento que provoca a discapacidade, o estigma asociado aos problemas de saúde mental e a discriminación derivada de ser muller.  

 Isto provoca un gran prexuízo social e importantes dificultades no eido laboral, pois as mulleres con problemas de saúde mental son dos colectivos que atopan máis obstáculos para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas. 

 Por outra banda, as mulleres con problemas de saúde mental ven frecuentemente dificultado o exercicio da súa maternidade, baseándose na falsa crenza de que non van ser capaces de ofrecer unha crianza sa ou ter un vínculo maternofilial axeitado. Nos casos máis extremos, o diagnóstico utilízase como argumento para quitarlles a custodia dos seus fillos ou fillas. 

 Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida sobre as mulleres con problemas de saúde mental, moitas veces por parte das súas parellas e ex-parellas, é máis frecuente que a que se exerce sobre o resto das mulleres. 

 Con todo, a pesar de que a saúde mental das mulleres se recoñece como o campo de maior impacto no benestar individual, familiar e social, non existe unha abordaxe de xénero nas políticas de saúde mental. Tamén é escaso o enfoque de xénero nas intervencións sanitarias e sociais dos problemas de saúde mental, así como na avaliación das mesmas. 

Un programa para a atención integral a mulleres 

 O “Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade”, no cal se engloba a iniciativa “Elas tamén contan”, trata de fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental. Financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade e executado por Saúde Mental FEAFES Galicia, o obxectivo deste programa é dotar ás participantes dunha maior autonomía e independencia que permitan mellorar a súa situación persoal, social e laboral, ofrecendo deste xeito unha atención personalizada e especializada a cada unha delas.  

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico, agrupando actualmente a 15 asociacións que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades galegas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario