Desde a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos queremos precisar algunha das informacións que se publicaron ao longo da mañá no medio de difusión local Infomiño.com.
Na mañá desde luns 29 de marzo de 2021, empregados e membros da Comunidade de Montes procederon a emprender labores de limpeza nunha parcela acotada da súa propiedade, situada no cumio do Monte Tegra, por debaixo do aparcamento de buses.
Unha vez iniciados os traballos de queima controlada, para a que se tiñan solicitados os permisos correspondentes, un cambio repentino na dirección do vento fixo que o lume se avivara, temendo que chegara a propagarse sen control fóra dos límites establecidos. Por ese motivo, o presidente xunto con outros membros da xunta reitora que se atopaban realizando o devandito labor, decidiron, como medida preventiva, solicitar a axuda dos medios municipais de extinción. Ata o lugar se desprazou, en primeiro lugar, a brigada do GES da Guarda que ao quedar o seu vehículo atrancado nunha pista de acceso sen posibilidade de intervir, foi necesario chamar a outras brigadas da zona.
Sen que en ningún momento o lume saíra fora da zona perimetral prevista inicialmente, a eficaz intervención doutros efectivos contra-incendios do distrito forestal, en apoio dos empregados e demais persoal da Comunidade de Montes refrescando os límites da parcela, fixo que o incidente non rematara en incendio forestal.
A extensión pola que o lume pasou, en todo momento de xeito controlado, foi inferior á inicialmente solicitada, non superando ao final os 7.000 metros cadrados.
* Presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos
Ningún comentario:
Publicar un comentario