5 de feb. de 2021

VIGO

CIG-Saúde da Comarca de Vigo denuncia que Rivera Salud quere facer negocio coa crise sanitaria ao converter o diagnóstico da COVID-19 nun mercadillo

 

  Non nos sorprende que un fondo de inversións intente tirar os maiores réditos económicos para os seus accionistas, pero si que nos parece descarado que o faga a conta de ofertar probas diagnósticas de xeito indiscriminado, utilizando espazos públicos e cobrando por facelo. 

 Non podemos esquecer que POVISA, agora en mans de Rivera Salud, ten a obriga de prestar asistencia sanitaria a unha parte importante da cidadanía da Área Sanitaria de Vigo, a cambio dunha importante retribución económica con cartos públicos. Se considera que é preciso realizar un cribado masivo ou selectivo da poboación que atende, tería que facelo sen custe para esa poboación. 

 Tratar de converter unha pandemia sanitaria e social nun negocio para uns poucos contará sempre coa oposición da CIG-Saúde. Da mesma maneira que sempre denunciamos a mercantilización da sanidade, a súa privatización e a súa venda a fondos voitre que, como estamos a ver, non teñen escrúpulos para facer negocio coa saúde. 

 A preocupación pola saúde da poboación, que din ter coa posta en marcha deste novo negocio, non a demostran ao non respectar as condicións de seguridade e saúde das súas propias traballadoras, ás que en pleno pico de contaxios obrigan a usar máscaras FFP2 durante varias quendas de traballo. 

 CIG-Saúde esixe da Consellería de Sanidade e do Concello de Vigo que poña límites a este negocio perverso e que impida que a Área Sanitaria de Vigo sexa, de novo, espazo para experimentos privatizadores que mercantilizan a nosa saúde. 

Vigo, 5 de febreiro de 2021

 (R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario