23 de feb. de 2021

A GUARDA

“SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO” ACORDA CO ALCALDE DA GUARDA RETOMAR O ESTUDO PARA UN POLÍGONO COMPARTIDO CO ROSAL QUE ATRAIA INVESTIMENTOS DO SUR DE GALICIA E A ZONA NORTE DE PORTUGAL  

• A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, abordou co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, as posibilidades de impulso do polígono, nunha área supramunicipal que implicaría tamén ao Rosal  

•  Beatriz Sestayo informou que “SEA” xa dispón dun proxecto sectorial e dunha parte dos terreos necesarios, adquiridos cando se expuxo a área empresarial en 2004  

“Suelo Empresarial del Atlántico” realizará a actualización do proxecto sectorial e unha taxación do prezo do chan, para concretar se o parque empresarial é viable  

 

Captura de pantalla da reunión telemática que veñen de manter Beatriz Sestayo, xerente de SEA, e Antonio Lomba, alcalde de A Guarda

 

Infogauda / A Guarda

 “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), organismo dependente do Ministerio de Transportes a través da Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES), organismo adscrito ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, analizou co alcalde do Concello da Guarda a posibilidade de retomar o estudo e análise dun posible polígono supramunicipal que atraia actividade económica xeradora de emprego da zona sur de Galicia e do norte de Portugal.  

 Así o expuxo a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, na reunión telemática que mantivo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba. De forma concreta, a xerente e o rexedor municipal acordaron que SEA iniciará a análise e o estudo dun posible polígono compartido entre A Guarda e O Rosal, que podería contar cunha superficie superior aos 270.000 metros cadrados. 

 “É un sitio que, de ser viable economicamente, é moi interesante desde o punto de vista económico e industrial, xa que podería atraer proxectos xeradores de emprego tanto do sur de Galicia como do norte de Portugal”, destacou Beatriz Sestayo.  

 O proxecto expúxose en 2004 pero quedou en suspenso posteriormente. A pesar disto, SEA posúe en propiedade unha bolsa de chan con parte dos terreos necesarios para o desenvolvemento deste polígono e xa conta co proxecto sectorial. 

 Por iso, Beatriz Sestayo comprometeuse co alcalde para estudar a posibilidade de acometer este proxecto para o que, en primeiro lugar, recuperouse xa o proxecto sectorial e SEA vai proceder á súa actualización. En paralelo, realizarase unha taxación do prezo do chan co que conta a entidade.  

 Beatriz  Sestayo tamén acordou con Antonio Lomba que, unha vez que se analicen os posibles custos, realizará unha visita á Guarda nas próximas semanas para abordar de forma persoal as posibilidades do proxecto.  

 Antonio Lomba, pola súa banda, puxo en valor a zona estratéxica na que se situaría o parque empresarial, aínda que lamentou o atraso da Autovía Tui-A Guarda. 

 “Levamos case 20 anos perdendo oportunidades de implantación de empresas na comarca do Baixo Miño por causa de non dispoñer de chan empresarial e polo atraso na construción da Autovía Tui-A Guarda. Ter unha comarca ben comunicada e dispoñer de chan empresarial son elementos estratéxicos para o desenvolvemento futuro esta comarca transfronteiriza”, explicou o rexedor.  

“SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO”   

“Suelo Empresarial del Atlántico”, S.L. S.M.E., é unha sociedade que está participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a través de Sepes; nun 15,91% pola Xunta de Galicia, e nun 1,65% por ABANCA e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.      

 “Suelo Empresarial del Atlántico” xestiona 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincias de Lugo - Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade -, da Coruña -Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo-e de Pontevedra -Vilanona de Arousa e Catoira-.

Ningún comentario:

Publicar un comentario