15 de feb. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda contará cun Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (PMPDIF) 

O fin principal é o de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas

Para iso é necesario  ter as franxas definidas e poder requirir a súa limpeza aos  propietarios

 

Resumo das distancias entre plantacións arbóreas e franxas de xestión de biomasa previstos no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incencios Forestais - Fonte: Concello de A Guarda
 

Infogauda / A Guarda 

 O Equipo de Goberno Municipal vén de facer público un comunicado informando que "o Concello de A Guarda acaba de recibir o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, e nas vindeiras semanas someterase a aprobación provisional, coa posterior exposición pública e audiencia dos interesados (veciños e comunidades de montes) que poderán consultar e incorporar as alegacións que estimen pertinentes.  

 O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais elabórase, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, co obxectivo de definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas e garantir o control e a eliminación  total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas.  

 O fin principal é o de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas, para iso é necesario  ter as franxas definidas e poder requirir a súa limpeza aos  propietarios. Os titulares das parcelas incluídas nesta rede de faixas secundarias, localizadas arredor dos núcleos de poboación, vivendas illadas ou edificacións están obrigados a xestionar a biomasa forestal.   

 A biomasa en ditas franxas deberá estar xestionada antes da finalización do mes de maio de cada ano, é dicir, sen eucaliptos, acacias, piñeiros, silvas, toxos, fentos, etc. favorecendo a descontinuidade vertical e horizontal destas. Dita xestión será de obrigatorio cumprimento polos propietarios destas parcelas e, no suposto de incumprimento, a administración pública competente, de oficio ou a solicitude de persoa interesada, enviará á persoa  responsable unha comunicación no que se concederá un prazo de quince días para a execución da mesma, con apercibimento de execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión, e no seu caso, comiso das especies prohibidas, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador.  

 A elaboración deste plan xorde a partir da adhesión do Concello da Guarda no 2019 ó Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais".

Ningún comentario:

Publicar un comentario