13 de xan. de 2021

GALICIA

O presidente da Xunta de Galicia compareceu este mediodía para dar conta das medidas acordadas no comité clínico 

Feijóo pide aos galegos máxima prevención e anuncia que toda Galicia estará desde o venres e, "probablemente, ata mediados de febreiro" nos dous niveis máis altos de protección  

A nivel xeral, subliña que as reunións serán dun máximo de 4 persoas; o toque de queda adiántase ás 22 horas; a hostalería e restauración poderán abrir ata as 18 horas; e o horario de peche do comercio fíxase ás 21,30 horas


Salienta que 63 concellos terán restrinxida a mobilidade ao perímetro do propio municipio  

Incide en que o Goberno galego seguirá apoiando ao sector da hostalería, cun novo paquete de medidas, ante as restricións que entran en vigor a partir do venres

 Infogauda / Galicia

  O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe aos galegos máxima prevención e anunciou que toda Galicia estará, desde o venres e, “probablemente, ata mediados de febreiro”, nos dous niveis máis altos de protección do protocolo contra a pandemia.

 Durante a súa comparecencia para dar conta das medidas acordadas no comité clínico, Feijóo explicou que, con carácter xeral, aplicarase o nivel medio-alto en toda a Comunidade, se ben, nas zonas de maior incidencia aplicarase o nivel de máxima restrición. “E mantemos o peche da Comunidade que se decretou xa hai varias semanas”, recordou.

 No tocante ao nivel medio-alto, Feijóo salientou que, ademais da recomendación básica de que se faga o esencial, exclusivamente: acudir ao médico, ao colexio, ao traballo –incidindo no teletraballo, sempre que sexa posible-, ao coidado de menores e maiores e á compra dos enseres indispensables, hai determinadas restricións que se deben coñecer e cumprir de forma escrupulosa.

 Ao respecto, precisou que as reunións serán dun máximo de 4 persoas; o toque de queda adiántase ás 22 horas; o horario de peche do comercio fíxase ás 21,30 horas; os centros recreativos turísticos ou similares terán un aforo do 50% -cando haxa grupos, serán de 4 persoas máximo-; e a hostalería e restauración poderán abrir ata as 18 horas, cun 30% de aforo no interior e do 50% nas terrazas, podendo manter a entrega a domicilio.

 “A partir das 18 horas, a actividade da hostalería e restauración non estará permitida, e iso significa que tampouco se deben, a partir desa hora, reunir non conviventes nos domicilios”, engadiu.

 No tocante ás actividades deportivas non federadas: os grupos serán dun máximo de 4 persoas e, nos espazos interiores, o aforo tampouco pode superar o 50%. No comercio, o aforo nas tendas tamén segue á metade, pero reforzarase a vixilancia nos centros comerciais, onde quedará prohibido permanecer nas zonas comúns, permitíndose só o tránsito para entrar e saír das tendas.

 Por outra banda, nos cines, teatros e auditorios: haberá que estar sempre sentados, mantendo a distancia de seguridade, cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre; e as visitas hospitalarias se circunscriben a unha persoa por paciente en todos os hospitais do Sergas, salvo casos excepcionais. “E respecto á mobilidade, os concellos que se atopan neste nivel medio-alto non se pechan, agás nas tres cidades que están neste nivel: Lugo, Pontevedra e Vigo”, remarcou, ao que engadiu que, en todo caso, a recomendación é que se limite a mobilidade ao máximo posible.

Zonas de máxima restrición

 Máis alá destas medidas reforzadas a nivel xeral en toda Galicia, o presidente da Xunta insistiu en que a tendencia á alza é especialmente intensa en zonas concretas que, segundo o comité clínico, deben ter a máxima vixilancia.

 “Estamos a falar de 33 concellos de máis de 10.000 habitantes, que presentan unha incidencia acumulada a 14 días superior a 250 ou que evolucionan rapidamente cara a ese nivel. E a eles súmanse outros 27 municipios de menos de 10.000 habitantes, nos que o comité considera preciso que teñan restricións de nivel máximo e limitada a mobilidade”, explicou.

 Deste xeito, os 60 concellos que estarán as vindeiras semanas neste nivel máximo de restricións son, na provincia da Coruña: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón, Fene, Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra. Na provincia de Lugo: Vilalba, Viveiro e Xove. Na provincia de Ourense: Ourense, Barbadás, Carballiño, Verín, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia. E, na provincia de Pontevedra: A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Cuntis, Oia, O Rosal e Salvaterra de Miño.

 Nestas zonas, a principal diferenza co resto será que o interior dos centros de hostalería e restauración permanecerán pechados, e só se permitirá atención nas terrazas ata as 18 horas, ou a entrega a domicilio sen límite. Ademais, os establecementos de xogo non poderán abrir as portas; os centros comerciais reducirán o seu aforo ao 30%; “e a mobilidade non se permitirá máis aló dos perímetros de cada concello, quedando illados de xeito individual”, incidiu, matizando que esta restrición tamén se aplicará no caso das cidades que están a nivel medio-alto, é dicir, en Pontevedra, Vigo e Lugo.

Apoio ao sector da hostalería

 Diante destas novas medidas que supoñen novos esforzos para os cidadáns, Feijóo aproveitou a comparecencia para referirse novamente á hostalería, un sector, recordou, que sofre máis que ningún outro ao estar máis exposto. “Seguiremos tentando mitigar o seu sufrimento con axudas específicas”, garantiu, subliñando que, máis de 14.700 negocios de hostalería recibiron apoio económico directo da Xunta xa, o que supuxo un desembolso de 21,5 millóns de euros.

 “E, ademais, o 50% dos hostaleiros que tiveron que pechar ou se viron prexudicados obtiveron axudas a maiores deste apoio específico, xa que recibiron a axuda dirixida a autónomos ou ben a axuda para microempresas”, resaltou, facendo fincapé en que o Goberno galego seguirá apoiando ao sector, cun novo paquete de medidas, ante as restricións que entran en vigor a partir do venres.

 O presidente da Xunta pediu aos cidadáns que sigan en alerta e que non se confíen polo feito de que o proceso de vacinación comezara, xa que a pesar de que Galicia está vacinando ao mellor ritmo de toda España, aínda hai moi poucas doses.

 Sobre este punto, a Consellería de Sanidade informará no Consello de mañá da evolución do plan de vacinación; e, desde hoxe, estase a vacinar aos sanitarios, coa previsión de que ao longo do día reciban a primeira dose 6.000 profesionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario