13 de xan. de 2021

A GUARDA

O BNG na Guarda solicita reunión de portavoces para esixir á Xunta axudas á hostalaría tralas últimas medidas contra a COVID  

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Estamos diante dun peche encuberto, non é sostíbel manter un negocio de hostalaría coas medidas impostas pola Xunta.”  

 

                      Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

 

Infogauda / A Guarda

 O BNG vén de solicitar ao Alcalde da Guarda, por medio dun escrito, unha reunión urxente de portavoces para esixir á Xunta de Galiza que inclúa axudas ao sector da hostalaría no mesmo DOGA no que vai publicar as últimas medidas para frear a COVID. Esa é a mensaxe de síntese que vén de dar a coñecer Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no concello guardés

 Para o BNG é fundamental - afirma Baz Vicente - que as administracións locais, os concellos, sexan portavoces das necesidades dos seus veciños e veciñas, polo que se fai necesaria unha acción conxunta para deixar dúas cousas claras: o apoio incondicional ao sector hostaleiro e distribución de importancia fundamental no concello e para esixir á Xunta de Galiza que inclúa un paquete de axudas ao sector ante as últimas medidas de restricións anunciadas polo Presidente da Xunta, Núñez Feijoo 

 Dende o BNG entendemos que con estas medidas estase promovendo un “peche encuberto” da hostalaría, dada a imposibilidade de manter os negocios abertos, a pouco que se coñeza o sector, a climatoloxía e as características da Guarda.  

 Segundo indica Anxo Lois Baz “as medidas decretadas como o peche dos salóns dos restaurantes e bares, a utilización das terrazas nun 30%,…, abocan ao peche dun sector de vital importancia para o noso concello”.

 Finalmente Anxo Lois Baz declara que o BNG espera altura de miras tanto do Alcalde como do resto das formacións políticas para ir cunha soa voz na defensa dun sector importantísimo para A Guarda que está sendo afectado sistematicamente dende o inicio da pandemia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario