27 de nov. de 2020

VIGO

II WORKSHOP "SOCIEDADE DIXITAL E XÉNERO. HACKEANDO AO PATRIARCADO"  

A Cátedra de Feminismos convoca charlas e obradoiros para combater o machismo dixital 

 

 Infogauda / Vigo

 A alarmante desigualdade de xénero nos ámbitos laborais relacionados coa economía dixital, os nesgos sexistas e racistas dos algoritmos, e a cada vez máis extendida violencia dixital contra as mulleres feministas, son algúns dos asuntos que se van abordar nesta segunda edición do workshop, da man de mulleres expertas nestas temáticas, no marco da recentemente creada Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO – UVIGO.  

 A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación de Pontevedra a a Universidade de Vigo, celebrará o próximo 3 de decembro a segunda edición do workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado“, co obxectivo de manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado “patriarcado dixital”. A sesión é aberta ao público e desenvolverase en liña a través do “Canal Directo 1 de UVigoTV” na ligazón: Acceso ao workshop en liña.  

Programa e inscrición nos obradoiros 

 A apertura do acto será ás 9.30 h e contará coa participación de Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo. A continuación desenvolveranse diversas intervencións e mesas redondas nas que participarán mulleres referentes no eido das carreiras STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas) e, pola tarde, realizaranse dous obradoiros (Maratón wikifeminista e obradoiro virtual STOP machitroles). 

 Pode consultarse o programa completo do workshop no seguinte enlace: Programa completo.

 Para participar nalgún dos obradoiros da tarde, é preciso inscribirse na seguinte ligazón: Inscrición en obradoiros.  

Evitar nesgos sexistas en áreas clave para o futuro 

 A alarmante desigualdade de xénero nos ámbitos laborais relacionados coa economía dixital, coloca ás mulleres nun escenario moi precario de cara a un futuro no que a tecnoloxía terá cada vez maior peso sociopolítico e económico nas nosas sociedades. Se non conseguimos corrixir esta realidade, as mulleres corremos o risco de ser excluídas dos espazos onde se van tomar as decisións máis importantes para o planeta nos próximos anos.  

 Ademais, os nesgos sexistas e racistas dos algoritmos xeran máis discriminación e reforzan desigualdades desde posicións aparentemente neutrais, que é necesario desenmascarar. A violencia dixital contra as mulleres feministas é unha práctica cada vez máis extendida e posiblemente organizada. Facebook, Twitter, Instagram, YouTube deciden cales son os contidos axeitados. Quen establece os parámetros destes robots? Por que non existen medidas para protexer ás mulleres dos continuos ataques nas redes? Como debemos combater os machitroles? Que podemos facer para contribuír a visibilizar o traballo das mulleres no ámbito dixital? É necesario organizarse e traballar en rede para respostar ao machismo dixital? Este e outros debates son os que se pretenden abordar nesta segunda edición do workshop, da man de mulleres expertas nestas temáticas, no marco da recentemente creada Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO – UVIGO.  

A Cátedra, instrumento para promover a igualdade 

 A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEAM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario