6 de nov. de 2020

O ROSAL

As artistas HighPaw e Rabela rachan estereotipos no proxecto ‘Claqueta Violeta’  

Impartiron un taller dirixido ao alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, no que falaron das súas experiencias como mulleres nun mundo machista e cheo de tópicos como o da música

 

As artistas HighPaw e Rabela participaron no proxecto ‘Claqueta Violeta’ posto en marcha polo Concello do Rosal

 

Infogauda / O Rosal

 A loita pola igualdade tamén chega ás batallas de galos e, de aí, as aulas do CPI Manuel Suárez Marquier. As artistas HighPaw e Rabela participaron no proxecto ‘Claqueta Violeta’ posto en marcha polo Concello do Rosal en colaboración cos centros educativos para acabar coas desigualdades de xénero, facer unha chamada á acción á mocidade para que rache con roles e estereotipos e amosarlles que existen outros tipos de masculinidade alternativos aos tradicionais.  

 Ao abeiro do programa, as artistas impartiron un taller dirixido ao alumnado de 3º ESO do CPI, unha sesión dobre na que falaron das súas traxectorias na música e na que contaron anécdotas como mulleres nun mundo machista e cheo de tópicos de sexo binario, sobre todo no ámbito das batallas de galos. Durante a actividade, as artistas fixeron con rapaces e rapazas un taller de improvisación no que explicaron como facer unha base rítmica e no que lles ensinaron diferentes formas de rimar.  

 

O proxecto ‘Claqueta Violeta’ integra varias actividades para implicar ao alumnado no eido da igualdade

 

 Unidos por un obxectivo común, HighPaw, Rabela e o alumnado do centro improvisaron un rap a partir dunha frase machista que lle responderon á propia Rabela durante unha batalla na que participaba. A actividade rematou cunha impresionante improvisación entre as dúas artistas, agasallo final da sesión para todas as persoas presentes.  

Actividades do proxecto 

 O proxecto ‘Claqueta Violeta’ integra varias actividades para implicar ao alumnado no eido da igualdade, buscando axudalos a desenvolverse como persoas adultas que defendan a equidade, a liberdade, a autonomía, a solidariedade e a xustiza. Unha das actividades desta iniciativa é un obradoiro de creación de curtametraxes, no que a través de 10 sesións os rapaces e rapazas crearán os seus propios filmes empregando os seus dispositivos móbiles e apoiándose en programas informáticos de edición e montaxe audiovisual cos equipos informáticos da aula de Novas Tecnoloxías do CPI.  

 O proxecto complementarase cunha conferencia sobre “Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero’ o vindeiro 25 de novembro, na que participarán representantes de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas.  

 O proxecto conta cunha subvención ao abeiro do Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario