O servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro, en pé de guerra para esixir o reforzo do persoal
Hoxe comezaron as protestas, que serán diarias a partir do luns se non se atenden as súas demandas
As traballadoras/es do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo mobilizáronse hoxe para reclamar o reforzo do persoal
Infogauda / Vigo
As traballadoras/es do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo mobilizáronse hoxe para reclamar o reforzo do persoal que levan demandando dende o inicio da pandemia do coronavirus. As protestas pasarán a ser diarias a partir do vindeiro luns no caso de que nin a empresa nin o Sergas atendan as súas reivindicacións.
Dende o comité da concesionaria da limpeza -Acciona-, de maioría da CIG, alertan de que a falta de persoal e o incremento dos protocolos hixiénicos derivados da alarma sanitaria levan meses provocando unha sobrecarga de traballo e un estrés laboral prolongado entre o persoal. Lembran que o pasado 13 de marzo solicitáronlle á empresa e ao Sergas que reforzase o servizo, tal e como se estaba a facer noutros hospitais públicos galegos mediante a habilitación dunha partida económica especial.
“Pero no Álvaro Cunqueiro non se fixo nada, seguramente porque é un hospital privatizado e as empresas que o xestionan non queren investir; e o Sergas mira cara a outro lado”, denuncian. Neste senso, explican que a proposta de incremento de persoal que lle trasladaron á concesionaria do servizo durante as negociacións do convenio -que aparcaron para centrarse no reforzo- é “absolutamente razoábel”. En concreto, piden dúas persoas máis para a quenda de noite e 15 para o resto das unidades. Nestes momentos son unicamente 6-7 persoas as que se encargan da limpeza de todo o hospital pola noite.
A resposta da empresa foi ofrecer só 6 novas contratacións, baixo o argumento de que o Sergas non demanda máis limpeza. Por iso hai xa un mes que solicitaron xuntanzas coa Xerencia e co responsábel da concesionaria, “pero non nos responderon”.
Entre outras cousas, queren saber por que neste hospital non se habilita esa partida especial para reforzar o servizo de limpeza. “Á sobrecarga de traballo e ao estrés que padecemos hai que sumar que o cadro de persoal se atopa mermado, con persoas de risco de baixa e con outras que aínda non se reincorporaron tras infectarse”.
Por iso decidiron comezar coas protestas, que pasarán a ser diarias a partir do luns no caso de que non atendan as súas demandas. No día de hoxe percorreron o interior do centro berrando consignas dende a porta principal até os despachos da Xerencia e da concesionaria do hospital, onde formalizaron unha nova solicitude de xuntanza coa Xerencia. “Agora a pelota está no tellado do Sergas; o que queremos é que nos teñan en conta, porque o servizo que prestamos é tan importante como o sanitario, mais sempre nos racanean en persoal e en material: por exemplo, seguimos a facer limpezas de habitacións de pacientes covid con máscaras cirúrxicas”.
Recollida de residuos
Outra das problemáticas que padece o persoal de limpeza ten que ver co novo intento da empresa de implementar un sistema de recollida de residuos covid mediante a utilización de caixas de cartón. “Xa o intentaron no mes de marzo, pero conseguimos que desistisen presentando varios informes técnicos”. Pero agora Acciona volve á carga ante a escaseza de cubos de plástico nos que depositar estes residuos. Por este motivo presentaron hoxe unha denuncia diante da Inspección de Traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario