22 de out. de 2020

LABORAL

O conselleiro de Industria non concreta as supostas xestións realizadas para intentar salvar Maderas Iglesias 

Onte debateuse unha proposición non de lei no Parlamento para reclamar a creación dunha mesa de negociación entre as partes 

 

Membros do comité de empresa e persoal de Maderas Iglesias, estiveron onte no Parlamento galego

Infogauda / O Porriño

 Unha representación do comité de Maderas Iglesias, empresa do Porriño que atravesa unha situación crítica que ameaza a súa supervivencia, estivo presente onte durante o debate da proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego na que se instaba a Xunta a apoiar as demandas do cadro de persoal e a colaborar nas actuacións dirixidas a garantir a continuidade da empresa e dos postos de traballo. 

 Tamén se reclamaba que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Industria reciba ao comité de empresa no prazo de tempo máis breve posíbel, así como a creación dunha mesa de negociación coa propiedade e coa representación das traballadoras/es para estudar a viabilidade da continuidade da compañía negociando a entrada de inversores externos. 

 O responsábel autonómico respondeu que se están a facer xestións para intentar salvar a empresa, aínda que non ofreceu ningún detalle, ao tempo que lembrou que a Xunta “xa apoiou a empresa en anos anteriores”. Unha das últimas esixencias do Goberno galego para apostar por Maderas Iglesias era a presentación dun plan de viabilidade, que a representación do cadro de persoal continúa sen recibir a día de hoxe. 

 Ademais, dende o comité explican que o pasado luns tivo lugar unha xuntanza entre o Igape, un suposto grupo inversor interesado en Maderas Iglesias e os bancos cos que a empresa mantén unha débeda de 35 millóns de euros. “Din que van a seguir coas conversas, pero non sabemos nada máis. O único que sabemos é que a día de hoxe segue sen concretarse a reunión entre todas as partes: comité, Igape, empresa, bancos, alcaldes e grupo inversor”. 

 Por outra banda, o BNG tramitou tamén unha pregunta para a súa contestación na comisión de Industria para que a Xunta faga públicas as xestións que realizou para favorecer a viabilidade da empresa e que aclare se participou nas negociacións para a entrada de posíbeis inversores. En caso positivo, demandan que explique cales foron os resultados, así como que adiante que actuacións vai levar a cabo para defender os 148 postos de traballo actuais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario