Mirta Misa e Violeta de Santiago, concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño
Infogauda / Tomiño
O pasado xoves 24 de setembro, celebrouse no Concello de Tomiño Pleno ordinario, no que as concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, Violeta de Santiago e Mirta Misa, lamentaron o retraso na convocatoria que provocou que decairan mocións presentadas o que, na súa opinión, perxudica a calidade democrática do Concello.
As concelleiras socialistas votaron a favor dos puntos levados na orde do día, propoñendo na aprobación dos festivos locais a realización dunha consulta entre a veciñanza para o vindeiro ano, favorecendo deste xeito a participación veciñal.
A concelleira Mirta Misa defendeu unha moción presentada por rexistro o 5 de agosto, sobre a revisión do protocolo fronte a Covid-19 nos centros educativos. Ao ter pasado tanto tempo e estar desactualizada, as socialistas retírárona na Comisión de Asuntos Plenarios, consensuando co BNG para adaptala e presentala por urxencia no Pleno. “A sorpresa foi maiúscula cando chegado o momento o BNG presentou outra de carácter máis xenérica, absténdose na do PSdeG-PSOE. Deste xeito é o consenso que o goberno nacionalista práctica”, afirmou Violeta de Santiago.
As concelleiras socialistas fixeron preguntas sobre o comercio, “a non ordenanza das terrazas, polo abandono da case totalidade de marquesiñas e a falta de desinfección das mesmas”. Asemade esixiron “información sobre os parques infantís que se mantén pechados pero se siguen usando sin ningunha medida de seguridade nin desinfección que establece a normativa”.
A portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE salientou que “no capítulo de obras, á pregunta de por qué a obra de remodelación da praza de Goián leva un ano adxudicada sen comenzar as obras, respostou o voceiro nacionalista que a causa é a pandemia que estamos a sufrir, argumento que non cremos pois a de Figueiró foi comenzada en pleno confinamento, o que demostra que esa non é a causa da demora. Na citada obra de Figueiró, que xa excede o período de execución, a causa parece que tamén é a pandemia que causa problemas no transporte das luminarias”.
Con respecto á sanidade, a voceira do Grupo Municipal Socialista, Violeta de Santiago, puxo no centro do debate “a situación caótica e mesmo crítica no que se atopa o Centro de Saúde, agravada polo peche do Consultorio de Goián”. “Voltamos a poñer enriba da mesa unha solución factible, razoable e que acada un amplo consenso na veciñanza, que é reubicar o Consultorio na casa do Sacana, recen adquirida polo Concello. Á responsabilidade é absoluta da Consellería, pero si o goberno municipal baixa os brazos neste asunto, será cómplice do que aconteza”, relembrou a concelleira socialista.
Por último, as concelleiras do PSdeG-PSOE propuxeron unha batería de medidas “para intentar paliar o fartazgo e crispación actuais, como instar a solicitar reunións co Conselleiro, pois por whatsapp non nos parece a vía acertada, esixir inspeccións para coñecer si se están dando casos de malas praxis, para que se tomen as medidas oportunas de ser así, impulsar plataformas para canalizar as queixas, reclamacións e demandas das usuarias/os do Centro Médico, promover mobilizacións veciñais para esixir unha sanidade pública de calidade para os tomiñeses e tomiñesas ata que nos escoiten…”
“Tendemos as nosas mans, conten con nós para levar adiante todo o proposto a carón da veciñanza”. É o ofrecemento que fixo Violeta de Santiago quen espera que o goberno recolla o guante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario