29 de set. de 2020

O ROSAL

O Rosal reinventa as súas actividades anuais para adaptalas á nova realidade  

Manteranse grazas á colaboración do tecido asociativo, que se fará cargo das actividades de pilates, restauración, pintura e ioga  

 

 


 
Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa a traballar para que a veciñanza teña unha ampla oferta de actividades deportivas e de lecer ao alcance da man. Neste sentido, ante a limitación que supón a crise sanitaria para realizar actividades en instalacións municipais, o Concello colaborará con diferentes asociacións que se farán cargo das actividades anuais de pilates, restauración, pintura e ioga.  

 “Grazas á comunicación fluída co tecido asociativo puidemos buscar un novo encaixe para estas actividades en lugar de cancelalas. É esa colaboración coas asociacións as que fan posible nestes momentos manter as actividades, ao tempo que se axuda a dinamizar estas entidades”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Actividades 

 A Agrupación Musical do Rosal encargarase de xestionar as actividades de pilates e ioga, que se impartirán no local da Fundación O Rosal (Rúa Xulio Sesto, a carón de Correos). As persoas interesadas en participar poden informarse sen compromiso ou inscribirse achegándose ao Auditorio Municipal ou chamando aos teléfonos 986 626 311 ou 609 866 792. As clases comezarán en outubro e haberá varios horarios dispoñibles. 

 


 Pola súa banda, na Sociedade Recreativa e Cultural de San Miguel de Tabagón impartiránse das clases de manualidades e restauración. As clases serán martes, mércores e xoves de 19.00 a 21.00 horas e terán un custo de 15 euros ao mes. Para inscribirse é necesario chamar ao teléfono 685 670 979. Tamén nesta asociación serán as clases de pintura os xoves e venres. As persoas interesadas poden facer a súa inscrición no 620 876 481.

Ningún comentario:

Publicar un comentario