A Xunta de Galicia valora como un triunfo de todos os galegos a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións salienta que a sentenza “é unha boa nova para o Estado de Dereito, para o interese xeral e para Galicia”
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez na rolda de prensa desta mañá logo de coñecerse a sentenza
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia valora como un triunfo de todos os galegos o fallo
do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña coñecido hoxe, que
declara que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia
Franco a súa restitución ao patrimonio público.
En declaracións
aos medios tras a notificación do fallo, o conselleiro de Cultura e
Turismo en funcións, Román Rodríguez, salientou que é “unha boa nova
para o Estado de Dereito, para o interese xeral e para Galicia”. Como
indicou, trátase dunha sentencia “moi clara” que avala os argumentos
xurídicos achegados desde a Xunta de Galicia e que sostiveron a demanda
interposta pola Avogacía do Estado.
Neste procedemento, como agora
certifica a Xustiza, a Xunta defendeu que concorrían razóns para
reclamar a propiedade do Pazo de Meirás como dominio público. Ao
respecto, o conselleiro en funcións lembrou o proceso seguido ata chegar
a este punto, que “xorde dun acordo” no Parlamento de Galicia polo cal
se instou á Xunta á creación dunha comisión de expertos para elaborar un
documento fundamentado desde un punto de vista histórico e legal que
permitise a incorporación ao patrimonio público deste ben.
“Un
estudo –abundou o titular de Cultura– cuxos argumentos e principios
foron asumidos para defender o proceso civil polo cal se procura que Meirás se reintegre ao patrimonio público”. “Calquera familia ten
dereitos e obrigas”, declarou Román Rodríguez, que concluíu a súa
valoración chamando a atención sobre a necesidade de “estudar con
detalle a sentenza, de preto de 400 páxinas”, que declara nula a doazón
das Torres de Meirás así como a súa compraventa, ao determinar que este
contrato, realizado o 24 de maio de 1941, foi unha “simulación”, o que
determina a súa nulidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario