Medio Ambiente asumirá o 70% dos custos de identificación dos animais de compañía das persoas afectadas pola crise sanitaria da covid-19
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o vicepresidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Ricardo Vecillas, asinaron un convenio de colaboración que tamén inclúe a elaboración dun protocolo de limpeza e hixiene dos animais de compañía para a implantación nos máis de 30 centros de recollida de animais abandonas autorizados
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e
o vicepresidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Ricardo
Vecillas esta mañá no acto de sinatura do convenio
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda asumirá o 70% dos custos que implica a
identificación dos animais de compañía daquelas persoas que se viran
afectadas pola crise sanitaria da covid-19, é dicir, aqueles cidadáns
que sexan responsables dun can sen microchip e que se atopen en
situación de vulnerabilidade económica situación de desemprego ou
afectado por un ERTE) ou que se vira afectado por una redución de
xornada laboral, por motivo de coidados de menores ou maiores
dependentes poderán dirixirse á un dos 767 veterinarios de Galicia que
poden implantar este sistema de identificación.
Este é un dos
compromisos que se recolle no convenio de colaboración asinado esta pola
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e
o vicepresidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Ricardo
Vecillas, co que se distribuirán de xeito gratuíto os elementos
necesarios para a identificación e rexistro dos animais no Rexistro
galego de animais de compañía (Regiac) entre os veterinarios autorizados
(767 en Galicia) que voluntariamente desexen participar na iniciativa
para a especial identificación animal dirixida a aqueles propietarios
que se atopen en situación de vulnerabilidade económica ou afectados por
unha redución da súa xornada laboral.
Asemade, o convenio tamén
prevé a elaboración dun protocolo de hixiene e limpeza dos animais de
compañía ante o COVID-19, para a súa implantación dos 31 centros de
recollida de animais abandonados autorizados -que na actualidade acollen
a preto de 5.000 animais-, ademais de prestar asesoramento técnico aos
responsables destes centros para a instauración de dito protocolo.
Segundo
manifestou a conselleira de Medio Ambiente, trátase dun documento que
inclúe toda unha serie de consellos e recomendacións para axudar aos
profesionais pertencentes a este colectivo, e que tamén pode aclarar
dúbidas aos propietarios das mascotas.
Ambas entidades consideran
esencial o establecemento de mecanismos para reactivar os procesos de
adopción e identificación de animais domésticos, que se ven afectados
como consecuencia da situación económica e social derivada da crise
sanitaria da covid-19. O importe do convenio asinado esta mañá é de
35.000 euros.
Colaboración permanente
A sinatura deste
convenio de colaboración é unha mostra da estreita colaboración que
Consellería de Medio Ambiente e o Consello Galego de Colexios
Veterinarios veñen mantendo ao longo dos anos. Esta entidade representa á
profesión no ámbito da comunidade autónoma e vén desenvolvendo nos
últimos anos labores de asesoramento e colaboración coa Xunta para a
mellora das actividades profesionais veterinarias.
Neste sentido,
Ángeles Vázquez subliñou o papel clave que teñen os colexios de
veterinarios na divulgación, educación e formación en materia de
protección animal co fin de potenciar e inculcar que unha tenza
responsable é o mellor e principal instrumento para prever o abandono e o
maltrato animal.
Así, en virtude dun convenio de colaboración
asinado coa Consellería en 2016, o Consello encárgase da xestión e
seguimento do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e
de Animais Potencialmente Perigosos (REGIAC), no que figuran preto de
615.000 animais de compañía na actualidade, e durante a tramitación da
Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, que
entrou en vigor en xaneiro de 2018, a súa colaboración foi intensa e
construtiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario