4 de xul. de 2020

TOMIÑO / SALCEDA DE CASELAS

Rueda: “Pídovos que vaiades a votar con liberdade, porque a seguridade está totalmente garantida”  

• Di que non é momento de arriscar e probar experimentos, hai que apostar por quen devolveu a estabilidade a Galicia tras a crise de 2009. 

• Pon en valor o novo Centro de Saúde de Salceda, o aumento de prazas nas escolas infantís de Tomiño e das axudas para dependencia e o apoio a sectores económicos estratéxicos.

Alfonso Rueda, presidente do PP de Pontevedra e candidato ás eleccións autonómicas na súa intervención en Tomiño


Infogauda / Tomiño / Salceda de Caselas

 O presidente do PP de Pontevedra e candidato ás eleccións autonómicas do 12 de abril, Alfonso Rueda, pediu hoxe non caer nin na confianza dos resultados que dan as enquisas nin no medo a ir aos colexios electorais, porque estes son os grandes aliados dos que queren botar a Feijóo da Xunta de Galicia. “Pídovos que vaiades todos a votar e que o fagades con total liberdade, porque a seguridade está totalmente garantida”, sinalou ao tempo que criticou a quen intenta meter medo con algo tan serio como decidir quen vai gobernar Galicia os próximos catro anos.  

 Foi durante os mitins que se celebraron hoxe en Tomiño e Salceda de Caselas, nos que tamén participaron a conselleira de Educación, Carmen Pomar, os presidentes locais e outros membros da candidatura popular. Durante a súa intervención, Rueda recordou que as enquisas están moi ben para dar ánimos, pero que non valen para nada máis porque o único resultado válido para gobernar a partir do 13 de xullo é o que sae das urnas. “Moito coidado coa confianza de que todo está feito”, insistiu, e recordou que en 2009, cando Feijóo gañou as eleccións por primeira vez, as enquisas dicían que Galicia ía seguir gobernada por un Bipartito PSOE-BNG. “Non caiamos no erro de pensar que está todo feito”.   


Alfonso Rueda Valenzuela no mitin desta tarde, celebrado nos xardíns do restaurante Las Colinas, en Santa María de Tebra


 Rueda dixo que hai que elixir entre dúas opcións: que siga gobernando quen conseguiu devolver a estabilidade a Galicia tras a crise de 2009 e que xestionou con anticipación e decisión a pandemia sanitaria, ou probar un multipartito de varios partidos que non teñen máis proxecto en común que evitar que goberne o Partido Popular. “Disto van as eleccións, de decidir quen queremos que se encargue de xestionar e ofrecer solucións, con todas as dificultades que imos ter por diante. Porque en catro anos non imos ter outra oportunidade para elixir, e agora non podemos dar un paso atrás”, afirmou. Por iso, pediu votar pola xestión e pola estabilidade, porque simplemente con contar historias e buscar enfrontamento non se soluciona nada, e moito menos agora”.  

 Por último, Rueda puxo en valor todos os investimentos da Xunta nos últimos anos, como o novo Centro de Saúde de Salceda de Caselas, o aumento de prazas nas escolas infantís de Tomiño, tanto do CEIP Sobrada como na Galiña Azul de Goián, que será gratuíta para os segundos fillos e sucesivos independentemente da idade dos seus irmáns, das axudas para dependencia, o apoio aos sectores económicos estratéxicos da provincia e ao emprego, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario