30 de xul. de 2020

OIA

O Mosteiro de Oia acollerá o evento “A emoción dos viños” 

Os días 1 e 2 de agosto de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas

Infogauda / Oia

 A alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, vén de facer público que o Real Mosteiro de Oia acollerá esta fin de semana a décima edición do evento “A emoción dos viños”, un escenario impresionante no que achegarse á esencia da terra a través dunha ampla variedade de caldos do país. 

 “A Emoción dos viños” presentará proxectos indispensables para a vida no rural, sementeira para o futuro da viticultura, e proxectos xa consagrados no olimpo vitivinícola mundial. Elaboracións especiais dun grupo de viticultores que representan, coas súas creacións, os mil matices da viticultura.  

 Defendendo sempre con firmeza un viño producido dende o respecto, cun traballo sostible na viña e cunha clara idea de calidade e identidade por riba de cantidade e mercado, os viticultores reivindican a sinceridade dos viños limpos elaborados con honestidade e respecto ao entorno e ao consumidor. A través deste evento a organización promove a difusión do pracer e a alegría de gozar duns viños que falan de territorios, de persoas e de emocións. 

 O horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas tanto o sábado 1 de agosto como o domingo día 2. O prezo da entrada é de 15 euros para unha xornada e de 20 euros para as dúas. Os asistentes recibirán unha copa serigrafiada coa que poderán degustar todos os viños e ademais instalarase unha tenda para todas as persoas interesadas en adquirir algunha botella. 

 O evento desenvolverase na súa maior parte ao aire libre, nos xardíns e no claustro do mosteiro, coas máis estritas medidas de seguridade e hixiene. Haberá dispoñibles 250 entradas (reservas en emociondosvinhos@gmail.com), que é o 60% do aforo permitido, co obxectivo de facilitar o mantemento das distancias de seguridade.  

 Ademais, e tal como di a orde publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 18 de xullo, o uso de máscara será obrigatorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario