O Concello de Oia formaliza a compra dos terreos do antigo camping Pedra Rubia
Cristina Correa (alcaldesa de Oia): "(...) É o primeiro paso para comezar a traballar nun proxecto de recuperación dos terreos degradados, tendo como obxectivo destinar o espazo a usos de esparcemento, deportivos e de lecer (...)".
A imaxe corresponde ao momento da sesión plenaria presidida pola alcaldesa Cristina Correa, na que foi aprobada por unanimidade a adquisición dos terreos do antigo camping
Foto: C.O.
Infogauda / Oia
O Concello de Oia adquiriu os terreos do antigo camping Pedra Rubia para recuperalos e destinalos a unha área de lecer e deportiva. Este xoves a alcaldesa, Cristina Correa Pombal, formalizou ante notario a escritura de compravenda da parcela correspondente a 17.012,90 m2, situados na zona do Aguncheiro (Mougás) en solo rústico común, a carón do Camiño Portugués da Costa.
Con anterioridade, o pasado 21 de xullo, o pleno municipal aprobara por unanimidade a compra, que se materializou este xoves.
Desde xeito, o Concello de Oia, que recibiu 80.000 euros da Xunta de Galicia e 120.000 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondendo o montante total ao importe da compra, xa é propietario da parcela do antigo camping.
A alcaldesa de Oia afirmou que "a adquisición da parcela é o primeiro paso para comezar a traballar nun proxecto de recuperación dos terreos degradados, tendo como obxectivo destinar o espazo a usos de esparcemento, deportivos e de lecer, en consonancia coas instalacións que xa existen e que presentan un importante estado de deterioro.
Entre estes equipamentos atópase a antiga recepción do camping, os vestiarios e almacéns, a zona de aseos e duchas, o edificio da que fora a cafetería-restaurante e unha pista polideportiva, así coma unha piscina.
A actuación tamén incluirá a recuperación e posta en valor das salinas romanas que se atopan na súa contorna".
Ningún comentario:
Publicar un comentario