Os conselleiros en funcións de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, participaron na
celebración da XII Festa da Palabra
A Xunta de Galicia chama a fixarse no legado da Xeración Nós para marcar o rumbo da cultura galega de cara ao futuro
Os conselleiros en funcións de Cultura e
Turismo e do Medio Rural, xunto co
presidente da Deputación de Ourense, participaron
hoxe na homenaxe que a XII Festa da Palabra lle rendeu a Xeración Nós
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego traballa nunha ampla programación que inclúe unha mostra itinerante e un congreso internacional
José González avanzou que o seu departamento asinará un convenio para subvencionar o proxecto de posta en valor da cultura rural
Infogauda / O Carballiño (Ourense)
Os conselleiros en funcións de Cultura e
Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, xunto co
presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, participaron
hoxe na homenaxe que a XII Festa da Palabra lle rendeu a Xeración Nós
coincidindo co seu centenario. Trátase dun acto que tivo lugar na Insua
dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño, e que serviu tamén para
entregar os premios Insua dos Poetas aos sete galardoados nesta
ocasión.
Na súa intervención, Román Rodríguez destacou a
importancia da Xeración Nós na construción do legado cultural de Galicia
e celebrou que iniciativas como a levada a cabo na Ínsua dos Poetas
contribúan a poñer en valor a súa relevancia “e a non esquecer de onde
vimos para marcar o noso rumbo de cara ao futuro”. “Cómpre recoñecer e
actualizar o legado da Xeración Nós porque foi un grupo de intelectuais
clave no desenvolvemento de Galicia e no ensanchamento das nosas
fronteiras culturais”, afirmou.
Así mesmo, o conselleiro en
funcións avanzou que desde a Xunta de Galicia estase a traballar nun
amplo abano de actividades que conmemoren o centenario da Xeración Nós
dun xeito amplo e inclusivo. “A nosa intención é que todo o mundo se
poida sumar a esta conmemoración e que, como non pode ser doutro xeito,
Ourense ocupe un lugar especial nesta celebración”, avanzou Román
Rodríguez antes de explicar que o Goberno galego traballa na mostra
Galicia, de Nós a nós e no Congreso Internacional da Cultura Galega que
se celebrará en Ourense e servirá para actualizar o legado da Xeración
Nós e analizar os retos e desafíos do século XXI.
Pola súa banda, o
conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou que o seu
departamento asinará un convenio coa Fundación Ínsua dos Poetas para
subvencionar o proxecto de posta en valor da cultura rural e reflectir
no espazo natural unha serie de esculturas cos poemas en galego do
escritor Federico García Lorca. Este apoio da Consellería do Medio
Rural, dixo o conselleiro, está orientado á mellora da estrutura e
infraestrutura do territorio co obxectivo de fortalecer o
desenvolvemento do rural galego.
Premiados na edición deste ano
Tanto
Román Rodríguez como José González felicitaron a todos os galardoados
nesta data e congratuláronse do feito de que a Festa da Palabra se
celebre na Insua dos Poetas, un lugar extraordinario no que a literatura
dialoga coas artes plásticas e coa natureza.
Os premios
entregados na edición deste ano recaeron na profesora Pilar García, no
Cineclub Carballiño e na cantautora Ses. Ademais, tamén se recoñeceu a
labor da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña e da
Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, de Río
de Janeiro, que preside Regina Jallas.
O grupo de premiados este
ano complétase cos sanitarios e da Residencia Integrada dos Milagros, en
Baños de Molgas, e co presentador Xosé Manuel Piñeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario