O Concello felicita ao Clube de Xadrez Albatros
· Polo seu ascenso á Primeira División Autonómica
Vista parcial dos participantes no XIX Torneo de Xadrez de A Guarda, celebrado en 2019
Foto: C.X. Albatros
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través da Concellería de Deportes que dirixe Mª Montserrat Magallanes Álvarez, quere facer un recoñecemento público ao Clube de Xadrez Albatros por ter acadado un importante logro deportivo como é o ascenso á Primeira División Autonómica.
O Xadrez Albatros ten a súa orixe hai case vinte e cinco anos nunha cafetería da que provén seu nome, nun autobús que lle deu forma e dunhas persoas inquietas por este deporte. A cafetería é o Albatros, o autobús e o que sae tódolos días de A Guarda cara a factoría de Citroën, en Vigo, e os xogadores, uns amigos entorno un café.
Posteriormente, estes veciños da vila decidiron formar un club de xadrez. Tiñan ideas e tamén aspiracións, pero o que máis lles sobraba era ilusión e ter a sorte de aparecer por estas latitudes un xogador que emigrou dende Rusia ata Galicia por motivos laborais. Iso foi o foguete definitivo do proxecto. Dita persoa aportou uns coñecementos que descoñecían os seus fundadores. Saberes que hoxe quedarían obsoletos e de nivel incipiente, pero deu credibilidade a idea e permitiu o desenvolvemento da iniciativa coa aprobación duns estatutos, creación dunha xunta directiva e a incorporación e alta nos organismos competentes. Acababa de nacer a Asociación Cultural e Deportiva Albatros de mans do seu presidente Vladimir Stoujinski (ano 1995).
No ano 2000 créase a Escola de Xadrez Albatros, despois de varios intentos previos que non acadaron continuidade no tempo. Comeza o ensino do xadrez a partir dun pequeno grupo de rapaces onde se promove a aprendizaxe do xogo e a participación en torneos infantís. Eventos que foron o embrión de todo o que hoxe acontece. Constituíronse uns equipos federados que participarán na Liga de Clubs Galegos na Terceira División Rexional, e Cuarta División. Compre subliñar que a Escola de Xadrez Albatros tivo a súa evolución, da man de novos profesores que aportaron estudos e estratexias na concepción de aperturas e unha mellora substancial neste deporte.
Hoxe, aqueles nenos teñen preto de 25 anos. Xogaban en segunda división, e tras tocar cos dedos das mans varias veces esa categoría terminaban fracasando na derradeira xornada. Agora lograron ascender á 1ª División Autonómica. Un éxito sen dúbida máis que salientable. Nestes intres, rapaces que “naceron” no club, son os responsables de ditas clases que xestionan baixo a súa responsabilidade trala supervisión da xunta directiva.
Tódolos responsables do fito histórico de ascender o Club Albatro á Primeira División Autonómica son os mesmos nenos que comezaron a xogar ó xadrez a principios do novo século, e iso hai que salientalo porque son da vila, non fichaxes exteriores.
Ter un equipo en 1ª División Autonómica para unha poboación coma a da Guarda, debe ser motivo de orgullo porque non moitas vilas poden dicilo. E se enriba todos os xogadores son antigos alumnos do club, formados polo Albatros, e por extensión da Guarda, soamente se pode dicir: GRACIAS!!!
Hoxe este club ten máis de 40 nenas/os en clase. Máis de 60 fichas federativas, e desenvolve cinco torneos anuais na comarca do Baixo Miño, cunha gran participación.
Ademáis de tódalas persoas que fundaron o Club de Xadrez Albatros, os diferentes directivos que ten tido esta entidade deportiva, os adestradores, todos os colaboradores, nais, pais e avós dos máis novos; os xogadores que fixeron posible o ascenso á categoría de Primeira División Autonómica son: Javier Castillo, Sergio Lomba, Germán Vilaplana, Daniel Lomba e Antonio Castro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario