9 de xuño de 2020

TOMIÑO

O Concello pon a disposición do alumnado os recursos informáticos da Aula CeMIT para acceder a contenidos educativos  

· Neste espazo os rapaces e rapazas terán dispoñibles 5 ordenadores, en horario de 11:30 a 14:00 de luns a venres, contando ademais coa tarde dos martes, de 17:00 a 20:00   

Aula CeMIT do Concello de Tomiño
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio ás Familias, pon a disposición do alumnado de Primaria e Secundaria os recursos informáticos da Aula CeMIT, co obxectivo de ofrecer unha atención específica aos nenos, nenas e adolescentes escolarizados nos diferentes centros do municipio, debido ás dificultades e necesidades que provoca a situación excepcional da crise do Covid-19.  

 O devandito servizo municipal toma esta decisión logo de comprobar "grandes atrancos en varias familias para acceder aos contidos educativos a través das ferramentas informáticas e internet, ben porque non dispoñen dos equipamentos necesarios, ben porque hai zonas que non teñen cobertura ou o sinal non é o suficientemente nítida, o que incrementa a desigualdade na adquisición e aproveitamento do material educativo".   

 Para mitigar esta desigualdade e acortar os tempos na disposición dos servizos, o Goberno Municipal de Tomiño propón un espazo físico que conta con ordenadores e impresora (aula CeMIT).  

 Neste espazo os rapaces e rapazas terán dispoñibles 5 ordenadores, en horario de 11:30 a 14:00 horas de luns a venres, contando ademais coa tarde dos martes, de 17:00 a 20:00 horas. Cada ordenador será utilizado por un alumno/a en cada quenda, acompañado/a por un titor, durante un tempo máximo de dúas horas.  O método para reservar unha quenda será chamar directamente ao teléfono da aula CeMIT (986 623 304) ou enviar un correo eléctronico a cemit.tomino@xunta.gal, indicando nome e apelidos, curso e centro educativo.  

 O servizo de ordenadores será utilizado exclusivamente para acceder aos contidos educativos e completar ou entregar as tarefas necesarias que se indiquen desde os centros escolares.  Esta iniciativa porase en marcha desde xa, para axudar a completar o vixente curso, e tamén  servirá para comprobar a demanda e o manexo dos equipos telemáticos, e así anticipar posibles necesidades de cara ao vindeiro curso escolar.   

 En caso de que a familia carecera de recursos ou non puidese trasladar ao seu fillo ou filla até a Aula CeMIT, sita no Campo da Feira de Tomiño, e fose necesario o uso de transporte público, o Concello valorará a posibilidade de abonar o desprazamento en autobús, realizando unha solicitude previa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario