NACE O PRIMEIRO XORNAL DE O ROSAL
· A presentación oficial do primeiro número do xornal O ROSALEIRO será este venres 12 de xuño (19:30 horas), na Librería Ideas de O Rosal
Juan Ramón Martínez Barbosa / O Rosal
Este venres 12 de xuño (19:30 horas) terá lugar na Librería Ideas de O Rosal (rúa Ramón Franco, 22) a presentación oficial* do primeiro número do xornal O ROSALEIRO, unha publicación en galego, de periodicidade bimensual de índole histórica, cultural e deportiva, que se xestou durante este confinamento.
O ROSALEIRO nace en formato impreso para conmemorar o 12º aniversario en Internet da páxina web Noticias O Rosal (www.noticiasorosal.es) así como para todo aquel que non ten a posibilidade de “navegar”.
Trátase do primeiro periódico na historia da vila rosaleira, que ademáis está dedicado á figura do lembrado mestre e poeta ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, fillo adoptivo da Guarda.
Imaxe da portada nº 1 do xornal O Rosaleiro
Neste número inaugural, de edición limitada, figuran curiosas imaxes antigas –inéditas- así como exclusivos artigos de investigación. Entre eles, fálase da orixe etimolóxica do topónimo “O Rosal”, dos sepulcros antropomorfos de Marzán (s. V-VI) ou do documento escrito máis antigo da vila, con máis de 2.000 anos de antigüidade.
Igualmente O ROSALEIRO, que irá incorporando firmas de recoñecidos escritores e historiadores do Baixo Miño e Galicia, aborda neste nº 1 a Arqueoloxía, comezando cronoloxicamente polos petróglifos ou gravados rupestres e a Idade do Bronce, da autoría do investigador local Xoán Martínez Tamuxe.
A sección “Veciñ@s da Comarca” acometerá, así mesmo, novidosas crónicas da vila guardesa, de Oia, Tomiño e Tui, estreándose con “Manuel Ángel e o Monte Trega (A Guarda)”.
Por suposto, neste xornal non podería faltar o apartado sociodeportivo, que “debuta” –entre outras- coa reportaxe “Dous anos da histórica xesta do Novás”, a particular visión de como viviu o afeccionado rosaleiro Sergio Diego, alias “Frony”, o ascenso do Atlético Novás a División de Honor Prata do balonmán nacional.
A publicación, editada pola web cultural Noticias O Rosal e Librería Ideas, pode adquirirse nos establecementos que esta última posúe tanto en O Rosal como en A Guarda.
*Será obrigatorio o uso de máscara para acceder ao local e durante a presentación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario