O Baixo Miño terá a súa propia Unidade de Atención Temperá para menores de 6 anos
· A Mancomunidade Intermunicipal acordou esta semana aceptar a subvención autonómica que permitirá contar con este importante servizo a nivel comarcal
A imaxe corresponde á reunión da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, celebrada esta semana no salón de plenos do Concello de Tomiño
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, acordou esta semana dar luz verde á creación dunha Unidade de Atención Temperá para a comarca, unha iniciativa que permitirá ás familias de calquera destes catro municipios con menores con dificultades de aprendizaxe, ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse ata Vigo.
Trátase dun proxecto destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo de profesionais interdisciplinar.
Tendo en conta que a familia é o axente socializante máis significativo, especialmente nos seus primeiros anos de vida. "Entendemos que a estimulación temperá permite detectar e traballar de maneira coordenada e integrada coa familia, facer as derivacións oportunas e dotar dos recursos necesarios, para evitar custosos desprazamentos que son moi gravosos para as familias con menos recursos", explican dende o Servizo de Educación e Apoio Familiar de Tomiño, que foi o redactor do proxecto para toda a Mancomunidade.
O proxecto alcanzará á Comarca do Baixo Miño, que conta cunha poboación total de 48.175 habitantes e 2.035 menores de 6 anos. Dentro da franxa de idade dos 0 aos 6 anos, segundo os datos facilitados, aproximadamente un 10% dos menores desta franxa de idade padecen dalgunha patoloxía do tipo T.E.A., problemas de dicción, foniatría ou TDHA.
A implantación desta Unidade de Atención Temperá na comarca supón un avance na coordinación entre todos os servizos e recursos de atención á infancia, tendo en conta as necesidades das familias e favorecendo a igualdade de oportunidades e a participación social xa que debido a ubicación xeográfica, os recursos dos que se dispón xeralmente quedan moi lonxe da área.
O traballo será establecido en rede, de xeito que a derivación dos casos á Unidade de Atención Temperá virá dada por un protocolo consensuado polas técnicas do Servizo de Educación e Apoio Familiar dos distintos concellos que a conforman, e será a vía de acceso, permitindo ter un coñecemento sobre os usuarios beneficiarios e así poder detectar casos susceptibles de apoio e/ou intervención, dotando á mesma dun carácter eminentemente preventivo, sen prexuicio do establecer unha coordinación e supervisión da unidade e da xestión que o funcionamento da mesma require.
A subvención achegada pola Xunta de Galicia e polos propios concellos permitirá contratar a tres profesionais dos campos da psicopedagoxía, psicoloxía e logopedia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario