O naval de Vigo e Pontevedra paraliza a actividade tras a morte dun compañeiro en accidente laboral
· Os traballadores/as marcharon dende os estaleiros até a Xunta para denunciar a precariedade laboral no sector
Os
traballadores/as do sector paralizaron hoxe a actividade tras o
falecemento onte dun compañeiro da industria auxiliar que realizaba
tarefas de reparación no Porto de Vigo
Foto: CIG
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Como é tradición no naval vigués e pontevedrés cada vez que se produce un accidente laboral con resultado de morte, os traballadores/as do sector paralizaron hoxe a actividade tras o falecemento onte dun compañeiro da industria auxiliar que realizaba tarefas de reparación no Porto de Vigo. A xornada de mobilización incluíu marchas a pé dende os estaleiros e as empresas auxiliares até a Xunta para denunciar a precariedade laboral que padece o sector.
Os empregados/as concentráronse ás 7 da mañá ás portas dos centros de traballo, para a continuación iniciar a marcha divididos en dúas columnas: unha saíu dende o estaleiro Freire -a onde se desprazou o persoal das auxiliares de Bouzas- e outra dende Metalships. A marcha que partiu de Freire foi parando diante de Cardama, Freire-Coia, Armón e Barreras, onde se incorporaron os traballadores/as se sumaban ao paro de 24 horas. A que saíu de Metalships pasou por diante de Factorías Vulcano, onde agardaba un grupo de ex traballadores/as. As dúas columnas atopáronse no cruzamento das rúas Colón e García Barbón, para dirixirse a continuación até a delegación da Xunta, na Praza da Estrela.
As centrais convocantes -a CIG, CCOO e UGT- demandan maiores medidas de seguridade nos centros de traballo e retomar as mesas do naval, entre elas a de Prevención de Riscos e Saúde Laboral, “que leva máis de 10 anos sen convocarse”. Neste senso, critican que tanto as empresas como a Administración autonómica “foron baixando a garda”.
Consideran necesario volver a activar estas mesas, nas que participaban todos os actores do sector, incluída a Inspección de Traballo, para que se garanta o traballo seguro e se recupere o respecto polos empregados/as das auxiliares, “que están a sufrir todo tipo de presións e malos tratos tanto por parte das súas empresas como das principais”.
Diante disto, reclaman un maior control por parte de Inspección de Traballo das auxiliares que cualifican de “piratas”, e que nos últimos tempos volven ter presenza sector. “É urxente frear o modelo de presión, precarización e baixo custo que algúns tentaron implantar na ría, co beneplácito da Xunta, e que levou o sector a un modelo de negocio ruinoso, sen futuro e onde se perde a vida traballando”.
Políticas activas de prevención
Con esta mobilización os traballadores/as “queren berrar que xa abonda, que é necesario un cambio de rumbo, non só nas mentalidades empresariais senón nas políticas de sector, con modelos de negocio abocados ao fracaso e sen rumbo fixo”. Ademais inciden en que “é o momento de reclamar políticas activas en materia de prevención, de reactivar os axentes fiscalizadores, de sentar a todas as partes para acordar o modelo de sector e o seu futuro”.
Finalmente, sinalan que a precariedade e aínda máis elevada na actividade de reparación, e o falecemento produciuse nas instalacións da Autoridade Portuaria nunha reparación a bordo, “que sempre son máis inseguras que as realizadas en instalacións preparadas e nun dique como o proxecto que o presidente do Porto se empecina en obstruír e dinamitar para as instalacións da antiga Factorías Vulcano”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario