O Concello conta cunha APP móbil
· Que posibilita acceder a multitude de servizos e trámites en liña
Captura de pantala da APP móbil do Concello de A Guarda
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Dende fai uns anos o Concello de A Guarda, a través do departamento de Novas Tecnoloxías, implementou unha APP móbil, dispoñible para dispositivos Android e IOS que permite acceder dun xeito doado e simplificado a multitude de servizos e trámites en liña que pode facer a cidadanía.
Dende a súa posta en funcionamento xa foi descargada por máis dun milleiro de usuarios, atendendo preto de 900 incidencias, a maioría delas sobre mobiliario urbano, pavimentos e sumidoiros ou limpeza e xardinería.
A APP móbil do Concello de A Guarda se pode descargar de xeito totalmente gratuíto dende o Google Play (Android) ou dende o APP Store (IOS). Unha vez instalada no dispositivo, conta con varias seccións con informacións de interese.
Entre as seccións dispoñibles permite coñecer as últimas novas, os eventos na axenda, as principais actividades, unha guía de empresas locais e outra de asociacións, avisos, rutas, directorio telefónico, horarios de servizos, información do tempo, entre outras.
Unha das seccións que ten unha gran utilidade é a de Incidencias, permitindo aos usuarios dar aviso de incidencias sobre mobiliario urbano, tráfico e senalética, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas ou limpeza e xardinería. O usuario pode xeolocalizar nun mapa o lugar exacto da incidencia e explicar polo miúdo a descrición da incidencia en 3 sinxelos pasos. Unha vez rexistrada a mesma, e de xeito automatizado, o sistema envía este aviso ao departamento municipal encargado da súa xestión, o que permite a súa resolución á maior brevidade, dando un aviso cando a incidencia está resolta aos usuarios.
O sistema de avisos permite que a APP Móbil notifique aos usuarios cando xurda, por exemplo unha avaría de auga, ou avisos e alertas meteorolóxicas.
A APP Móbil do Concello de A Guarda conta ademais cunha sección de Citas Previas, que permite xestionar a solicitude de citas para o SERGAS, a Seguridade Social, a ITV, renovación do DNI, portal do emprego de Galicia ou con Facenda.
A maiores a APP inclúe información sobre a historia e o patrimonio do municipio en galego, castelán, inglés e francés, así coma unha sección de Ocio, na que se inclúen informacións sobre Que ver?, onde durmir?, onde comer?, os museos ou as festas municipais.
Tamén se conta cunha sección de Rutas, onde aparecen as principais rutas dispoñibles no municipio, coma a Ruta da Desembocadura do Río Miño, Camiños do Trega,…, con mapas e informacións varias sobre distancias, desniveis ou dificultade de cada ruta.
Dende o Concello de A Guarda convidan á cidadanía e visitantes a descargar e empregar esta ferramenta, de moita utilidade e con moitos recursos accesibles dun xeito doado dende un teléfono intelixente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario