CANDO SE APROXIMA O CORPUS,...
Emilia Baz Vicente* / A Guarda
Cada ano, cando se aproxima o Corpus, as rúas da Guarda teñen un aroma especial. Cheira a flores, a mimosa, a eucalipto,… Tamén a alegría, nervios, a tempo compartido e a felicidade e satisfacción ao contemplar, unha vez acabadas, as alfombras florais que cobren cada rúa ao amencer.
Ante a imposibilidade de facer as alfombras como sempre, esta mestura de sentimentos e arte queremos reflectila a través de dúas propostas.
Unha delas mostra a visión que do Corpus guardés teñen varios artistas locais. Así baixo o lema "Este ano non cheira a flor, pero seguimos tendo cor. Seguimos adiante" os artistas Tamara Baz, Nuvi e Éxfico, e Charlie Thenstill mostran en ilustracións como sentimos os guardeses nestas datas. As súas obras expoñeranse na Praza do Reló.
Coa segunda proposta, baixo o lema "Fai a túa alfombra floral na casa", queremos mostrar como viven as familias, sobre todo os máis pequenos, esta festividade. Así, a través dos seus ollos e das súas mans volvemos percibir este sentimento colectivo e agora o que ten un aroma especial é o noso fogar.
Seguimos adiante!
Animamos a todos a elaborar unha alfombra na casa e facer unha fotografía mentras se confecciona e outra ao rematala, logo editaremos un vídeo que se publicará nas nosas redes sociais.
* Presidenta da Asociación Cultural Alfombras da Guarda
Ningún comentario:
Publicar un comentario