O Concello pon en marcha un programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local
· O obxectivo é dar ferramentas ao pequeno comercio para adaptarse ás necesidades das e dos consumidores dentro dunha nova realidade cambiante
· A formación, de balde e integramente en liña, comezará en breve. As persoas interesadas xa poden inscribirse a través da web do Concello de Tomiño
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño continúa co seu apoio ao comercio local coa posta en marcha dun programa formativo para a súa transformación estratéxica e dixital, axudándoo así a mellorar, innovar e adaptarse a unha nova realidade cambiante. “O que sería un proceso que podía levar seis ou sete anos acelerouse en tres meses e a moitas persoas a nova realidade colleuna por sorpresa. Por este motivo, no Concello queremos estar ao lado do comercio local e ofrecerlle todas as ferramentas necesarias para que estean preparados tanto para o momento actual como para o que poida pasar nun futuro. O perfil do consumidor e consumidora cambia e o comercio ten que ir adaptándose”, explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
O obxectivo do programa, que arrancará en breve, será ofrecer ao comerciante unha formación útil e de calidade adaptada á nova realizade e crear un marco de traballo para mellorar o comercio local. Está dirixido a todos os pequenos comercios tomiñeses e será de balde e totalmente en liña. Todas as persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través da web do Concello.
Obradoiros grupais e asesoramento personalizado
O programa estará dividido en dúas partes. Durante a primeira fase realizaranse seis obradoiros formativos grupais en liña a través de videoconferencias impartidas por persoas expertas ás que as/os comerciantes poderán asistir dende os seus domicilios ou dende os seus propios negocios. Serán obradoiros interactivos nos que se abordarán o novo perfil de consumidor e os posibles escenario de futuro e nos que adquirirán novas estratexias de ventas mellorando as súas habilidades no manexo de ferramentas dixitais e aprendendo distintas estratexias de marketing acordes á realidade.
“Dende o Concello queremos ofrecer ferramentas sinxelas para que as nosas e nosos comerciantes cheguen ao seus clientes doutro xeito. Non queremos que substitúa ao comercio presencial, só abrir unha porta máis por se o consideran interesante para ampliar as súas vendas ou para abarcar outro perfil de consumidor”, salienta a alcaldesa.
A segunda fase deste plan de formación irá dirixido a un grupo máis reducido de comerciantes que contarán co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as súas feblezas cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario