A Xunta de Galicia suspende as probas deste mes para o manexo de embarcacións de lecer e motos náuticas polo coronavirus
As persoas que presentaran a solicitude para esta convocatoria poderán participar nalgunha das seguintes que se realicen en 2020 e as que non queiran participar poderán solicitar a devolución da correspondente taxa
A Consellería do Mar adopta esta medida atendendo ao real decreto polo
que o Goberno central declarou o estado de alarma para loitar contra o
COVID-19 e frear a súa expansión
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Dirección Xeral de Desenvolvemento
Pesqueiro da Consellería do Mar emitiu unha resolución pola que suspende
a realización das probas da convocatoria de maio para obter os títulos
que permiten manexar embarcacións de lecer e motos náuticas en Galicia
como consecuencia do estado de alarma derivado da alerta sanitaria do
coronavirus.
As persoas que presentaran a solicitude para
participar nesta convocatoria poderán participar nalgunha das seguintes
que se realicen durante este ano, tal como establece a resolución da
Xunta, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros
días e que tamén especifica que as persoas que non queiran participar en
ningunha das convocatorias de 2020 poderán solicitar a devolución da
correspondente taxa.
As probas que se suspenden son para as
titulacións de patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de
lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B
e estaban previstas para os días 11, 12, 13, 14 e 15 de maio nos
centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.
Esta
decisión adóptase atendendo ao real decreto polo que o Goberno central
declara o estado de alarma para loitar contra o COVID-19 e frear a súa
expansión. A este real decreto súmase ademais a resolución do propio
Executivo galego polo que se adoptan medidas preventivas en materia de
saúde pública como consecuencia da evolución epidemiolóxica do
coronavirus e pola que tamén se decretou a suspensión e interrupción dos
prazos e procedementos das entidades do sector público de Galicia e a
interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario