Educación abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao Fondo Solidario da Xunta de Galicia
O prazo para presentar as solicitudes –preferentemente por vía telemática, rematará o día 19 de xuño
Infogauda / Galicia
A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a
súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as
axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material
escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e
Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o
vindeiro curso escolar 2020/21.
O prazo para presentar as
solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19
de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
Con
fin de reforzar o apoio ás familias ante a situación de crise xerada
pola pandemia COVID-19 e a atención aos máis desfavorecidos, para o
vindeiro curso 2020-21 a Consellería de Educación aumenta as contías das
axudas para a compra de libros (preto de 19,7 millóns de euros, o que
supón un incremento de case o 63% con respecto aos 12,1 M€ do presente
curso); e flexibiliza os límites de renda para acceder aos vales de
libros, material escolar e ao Fondo Solidario de libros, cunha maior
cobertura en canto ao alumnado beneficiario. O reparto de orzamento
faise a razón de 7.750.000 € para o Fondo Solidario de libros de texto,
6.430.000 euros para as axudas a compra de libros e os 5.500.000 euros
restantes para vales de material escolar.
Cómpre lembrar que o
sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional que posibilita garantir unha educación
accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos, que son o
Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros
de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son
reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.
Axudas á compra
As
axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao
alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado
matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade
igual ou superior ao 65%.
O vindeiro curso modifícanse os tramos
de renda per cápita familiar para dar cabida a un maior número de
familias, e as contías aumentan entre 40 e 50 euros segundo o tramo de
renda.
Así, os requisitos de renda e as contías das axudas quedan do seguinte xeito:
Educación Primaria:
-
Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 210 euros
(ata o de agora o tramo era de ata 5.400 euros e a contía de 170 euros).
- Renda per cápita familiar superior a 6.000,01 e igual ou inferior a 10.000 euros: 140 euros (no presente curso o tramo ía dos 5.400,01 aos 9.000 euros e a contía era de 90 euros).
Así mesmo, no caso do
alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en
unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que
presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a
axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros (25
máis que os 250 establecidos agora), con independencia da renda per
cápita familiar.
Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se
encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a
axuda máxima (210 euros fronte aos 170 actuais), e non terá que
acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
Fondo solidario
No
Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º,
4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de
libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa
á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá
preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha
discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda
familiar.
De non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario
para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos
cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os
libros complementarios que sexan necesarios.
Neste caso tamén se
flexibilizan á alza os treitos de renda per cápita. Así, o alumnado con
renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora
situábase en 5.400 euros), ou que estea en situación de garda ou tutela
da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous
últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a 6
libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre
6.000,01 e 10.000 euros (ata o de agora o tramo ía de 5.400,01 a 9.000)
terán acceso a 4 manuais.
Cómpre lembrar que será requisito
fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para
libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.
Axudas para material escolar
O
destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado
matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita
familiar igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora o límite era de
5.400 euros), e a contía da axuda mantense a mesma, isto é, 50
euros/alumno.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta
de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade
igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia
da renda.
Trámites por vía telemática
As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia,
ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en
calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do
procedemento administrativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario