A Xunta de Galicia e a Fundación Catedral reanudan as obras de rehabilitación da catedral para estar a punto no Xacobeo 2021
Román Rodríguez avanzou que a día de hoxe todas as obras están en marcha e avanzando a un ritmo positivo e subliñou que se está facendo “un gran esforzo para minimizar o impacto” do COVID-19 no calendario final das obras
Hoxe asinouse un convenio adicional entre a Xunta e a Fundación Catedral
para abordar as intervencións puntuais que restarían para ter en
perfecto estado de revista o Templo
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe
unha xuntanza co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo,
arredor dos avances nas intervencións no templo compostelán e da
reanudación das obras logo do obrigado parón pola crise sanitaria do
COVID-19.
O conselleiro explicou ao final da mesma que as obras de
rehabilitación están desde hai quince días todas en execución, “só
falta unha por licitar que é a da Torre da Vela, unha obra de entidade
menor”, para estar a punto no Xacobeo 2021. En concreto, afirmou que as
actuacións “están avanzando a un ritmo positivo, con algunha limitación
vencellada aos subministros e á distancia de seguridade”. Loxicamente,
explicou o titular de Cultura, haberá actuacións no templo que non
poderán ser rematadas antes do 1 de xaneiro, pero parece ser que non
interferirán coa actividade ordinaria da Catedral durante o Ano Santo.
Así
mesmo, Román Rodríguez quixo agradecerlle “á Fundación Catedral e a
todas as empresas que están traballando no Templo o seu desempeño.
Estase facendo un gran esforzo para minimizar o impacto da grave crise
que atravesamos no calendario final das obras”. “Así é todo −concluíu−,
acadalo dependerá da evolución da situación sanitaria, que condiciona a
obtención de subministros e o desprazamento de recursos humanos”.
Conservación e xestión sostible
Hoxe
mesmo asinouse un convenio adicional entre a Xunta e a Fundación
Catedral polo que o Goberno galego inviste 750.000 euros para levar a
cabo actuacións puntuais na fachada á rúa Fonseca, na torre do reloxo,
na cuberta da capela da Comuñón e nas capelas penitenciais e absidais. A
previsión, polo carácter das obras é que poidan estar rematadas a
finais de ano.
O obxectivo deste convenio é dar unha resposta
axeitada que permita garantir a conservación do conxunto catedralicio de
Santiago de Compostela, promovendo a súa funcionalidade e significación
relixiosa e cultural, e poñendo en valor, impulsando e acrecentando a
súa función cultural. Trátase tamén de manter e desenvolver, de forma
sostible, os recursos e potencialidades que posúen o monumento.
En
concreto, no marco desta colaboración, actuarase nos seguintes ámbitos
da Catedral: fachada á rúa Fonseca do edificio claustral, torre do
reloxo, cuberta da capela da Comuñón e nas capelas penitenciais (Capela
do Pilar, a Blanca e Santa Catalina) e absidais (Capela de Mondragón,
San Pedro, O Salvador e San Bartolomé). Para levar a cabo estes
traballos, a Fundación Catedral, como entidade colaboradora, encargarase
da licitación e contratación de todas as obras e proxectos incluídos no
ámbito deste convenio e, en xeral, das actuacións derivadas do mesmo.
Execución das obras
Das
obras previstas ao abeiro dos convenios levados a cabo entre o Goberno
do Estado, a Xunta de Galicia, o Cabido e a Fundación Catedral e que
mobilizaron desde 2015 un investimento total de 17M€, as actuacións
pendentes de abordar e tecnicamente máis complexas son correspondentes
ás cubertas da nave maior e do claustro, á fachada da Quintana e a Porta
Santa e a da Torre da Vela.
A primeira, relativa ás cubertas da
nave maior e do claustro, a execución está en marcha; a segunda, a da
fachada da Quintana e da Porta Santa, acaba de ser contratada e
concentrará todas as actuacións na devandita Porta, de xeito que se teña
a garantía de que esta parte se remata en todos os escenarios en tempo e
forma; e a terceira. Finalmente, a Torre da Vela, atópase pendente de
licitación, pero aínda en prazo segundo a planificación da obra para
concluír antes de 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario