7 de abr. de 2020

GALICIA

Profesionais do Comité de xestión de crise sanitaria consideran que os test enviados polo Ministerio non teñen utilidade clínica  

Conclúen que necesitan unha proba complementaria de PCR para determinar a fase do contaxio e evitar a súa propagación, polo que non permitirían realizar un cribado nas residencias ou nos profesionais

Estudan se poderían ter utilidade para realizar un estudo epidemiolóxico na poboación

O doutor José Manuel Vázquez Lima, membro da Comisión de xestión da crise sanitaria COVID-19
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

  Os profesionais que forman parte da Comisión de xestión da crise sanitaria COVID-19 concluíron na reunión que mantiveron onte que os 57.760 test rápidos enviados onte polo Ministerio non teñen utilidade clínica para poder facer un cribado en residencias e profesionais sanitarios. Neste sentido, o doutor José Manuel Vázquez Lima, membro do comité de crise, explica que “non son útiles desde o punto de vista clínico”, porque non permiten distinguir se se trata dunha fase aguda, e polo tanto se pode haber contaxio, ou se xa se está nunha fase de curación.

 Vázquez Lima explica que esta eiva detectada polos profesionais do comité faría necesaria realizar unha proba complementaria de PCR aos test enviados polo Ministerio para facer un cribado en residencias e a profesionais sanitarios.

 Neste sentido, explica que os test do Ministerio só detectan se se producen anticorpos pero, nesa análise global, non permiten saber se se trata dunha fase aguda do COVID-19 ou se aínda permanecen en sangue porque xa hai curación.

 Por outra banda, aclarou que agora está avaliando a posibilidade de destinar estes test á realización dun estudo epidemiolóxico para obter información sobre a exposición da poboación ao virus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario