13 de mar. de 2020

SANIDADE

Confirmados en Galicia un total de 112 casos positivos de infección por coronavirus  

Rexistráronse xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña  

Dende hoxe o Sergas pon a disposición da cidadanía unha páxina web https://coronavirus.sergas.es, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos



Informa: Xunta de Galicia

 A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización de hoxe, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascende a 112, deles 45 son da área da Coruña, 6 da de Lugo, 14 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 4 da de Ferrol. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, a partir de hoxe, informarase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados na nosa Comunidade Autónoma.  

 Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 79 no domicilio. Por outra banda, rexistráronse xa as tres primeiras, altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. 

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas  

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.  

 Sinalar, ademais, que dende hoxe, o Sergas pon a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.  

 O departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve. 

Recomendacións  

 Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Ningún comentario:

Publicar un comentario