#COVID-19 O BOPPO publica as bases modificadas das axudas básicas de emerxencia da Deputación para chegar á poboación máis vulnerable
Os concellos de menos de 20.000 habitantes que o soliciten poderán recibir o 100 % do importe 20 marzo 2020
Pazo da Deputación provincial de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Ante a situación de crise ocasionada pola COVID-19, o Goberno da Deputación de Pontevedra, presidido por Carmela Silva Rego decidiu esta mesma semana modificar as bases das axudas básicas de emerxencia para permitirlles aos concellos de menos de 20.000 habitantes solicitar xa o 100% do importe para atender as necesidades da súa veciñanza. En concreto, esta liña de axudas vai beneficiar a persoas en situación ou risco de exclusión social, principalmente con menores ao cargo; persoas con diversidade funcional ou persoas dependentes, e cubrirá, entre outros, os gastos de alimentación, vivenda, pagamento de recibos, produtos de hixiene e limpeza, farmacéuticos, infantís e sanitarios.
Tras a declaración do estado de alarma o Goberno da Deputación de Pontevedra adoptou unha serie de medidas urxentes para paliar a situación de necesidade das persoas beneficiarias das axudas básicas de emerxencia. A principal medida é que os concellos xa poden solicitar a totalidade das contías recollidas na convocatoria, que ascenden a medio millón de euros, e facerlles fronte de xeito inmediato ás necesidades básicas da cidadanía máis vulnerable. Este mesmo venres, 20 de marzo, publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as modificacións establecidas para poder paliar a situación ocasionada pola crise nos concellos máis pequenos da provincia.
En liñas xerais, estas axudas van dirixidas a persoas que carezan de ingresos suficientes para lles facer fronte aos gastos polos que se solicita a axuda, e danlles prioridade ás necesidades das familias con menores ao seu cargo ou as que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo, así como a persoas dependentes ou con diversidade funcional. Así, as axudas inclúen a cobertura dos gastos de alimentación, os gastos de uso da vivenda, o pagamento de recibos, o pagamento de produtos de hixiene e limpeza, o pagamento de produtos farmacéuticos, a adquisición de electrodomésticos básicos, os desprazamentos, o pagamento de lentes e audiófonos ou de tratamentos de odontoloxía, os produtos de apoio e as axudas de apoio á infancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario