O Concello do Rosal convoca a toda a veciñanza á creación da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública
· Constituirase o venres 6 de marzo ás 20.00 horas, nos baixos do Concello
Vista parcial da masiva asistencia da veciñanza, na concentración convocada polo Concello do Rosal, o pasado verán de 2019
Foto: C.O.R
Infogauda / O Rosal
“Tras a deterioración progresiva dos servizos sanitarios de atención primaria no municipio”, o Concello do Rosal convoca a todo o asociacionismo, partidos políticos, sindicatos, persoal sanitario, Comunidades de Montes, Comunidades de Augas e veciñanza en xeral, a participar este venres 6 de marzo na creación dunha Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que teña como obxectivos “denunciar as carencias de atención primaria e reivindicar os servizos sanitarios que nos corresponden”.
O acto de constitución, que estará aberto a todo o público, terá lugar ás 20:00 horas nos baixos do Concello. A constitución desta plataforma foi aprobada en pleno por unanimidade o pasado mes de outubro. Con ela búscase “facerlle fronte á situación na que se atopa a sanidade pública no Concello do Rosal que, se ben non é o único concello da comarca afectado, si é un dos municipios no que os problemas teñen unha incidencia maior, coa peor ratio en termos de usuarios e usuarias por persoal sanitario e cunha precarización xeralizada que se acentúa canto máis nos achegamos a zonas rurais”, como salienta a alcaldesa Ánxela Fernández.
“Esta plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que xa ven funcionando noutras comarcas, busca integrar a toda a sociedade na procura de poñer freo aos recortes nos servizos da sanidade pública”, algo que “está poñendo en perigo a vida das persoas. A sanidade, igual que a educación ou o transporte público, deben ser cuestións transversais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario