3 de mar. de 2020

A GUARDA

O BNG reafírmase en denunciar a situación na que se atopa a delegación local do Instituto Social da Mariña

· O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insta a que se manteña aberta esta oficina para dar servizo o sector pesqueiro da zona e se garanta a cobertura das prazas vacantes, estabelecendo algún incentivo laboral, e así manter o horario completo de apertura da oficina 

· Logo das declaracións do alcalde da Guarda, o portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz, reafírmase nas súas denuncias en relación co peche de servizos diante da pasividade do alcalde  

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 En relación á situación da delegación local do Instituto Social da Mariña (ISM), na localidade de A Guarda, e "logo das declaracións do alcalde", o portavoz municipal do BNG no concello guardés, Anxo Lois Baz Vicente, reafírmase nas súas "denuncias en relación co peche de servizos diante da pasividade do alcalde".

 Por ese motivo queremos facer público que na tarde deste martes día 3 de marzo de 2020, Anxo Lois Baz Vicente, comunicou á Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, o seguinte: "O noso deputado no Congreso, Néstor Rego, vén de denunciar a redución de servizos na oficina do Instituto Social da Mariña situada no noso concello. Reduciuse drasticamente o horario no servizo, provocando graves problemas ás persoas usuarias e a preocupación de diversas entidades vinculadas o sector do mar que dependen desta, a única sede física na comarca para a xestión de múltiples trámites".  

 Anxo Lois Baz refire que tamén: "O BNG instou ao Goberno e ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, a realizar xestións para garantir a cobertura das prazas vacantes, estabelecendo algún incentivo laboral, e así manter o horario completo de apertura da oficina do Instituto Social da Mariña. 

 O servizo estase cubrindo, unha vez á semana con persoal procedente doutras oficinas poñendo en grave risco a súa continuidade e recorda que esta situación súmase a desaparición doutros servizos como a Capitanía Marítima tras a morte do seu titular".  

UNHA REINVINDICACIÓN QUE FOI LEVADA AO PARLAMENTO DE GALICIA

 O portavoz nacionalista no Concello de A Guarda relembra que "esta reivindicación do BNG xa foi feita o pasado mes de febreiro pola deputada do Parlamento Galego, Montserrat Prado Cores", que acompañada polo portavoz municipal, Anxo Lois Baz Vicente, e a concelleira Beatriz Lomba Rodríguez, manifestaron que "non se pode deixar desaparecer este servizo, porque supón unha desprotección para o sector que debe desprazarse á cidade de Vigo para realizar xestións que podería realizar nesta oficina. Tanto o Goberno como o Ministerio de Traballo deben manter aberta esta oficina para dar servizo o sector pesqueiro da zona, porque A Guarda é unha vila mariñeira cunha importante flota de baixura, altura e marisqueo, que conta cun gran número de veciños e veciñas que dependen deste servizo para realizar as xestións preceptivas para desenvolver a súa actividade no sector do mar".

Ningún comentario:

Publicar un comentario