27 de mar. de 2020

O ROSAL

O Concello modificará algún punto concreto de recollida de lixo para reducir riscos para veciñanza e operarios  

· Os cambios comezarán a vindeira semana e servirán tamén para facilitar a desinfección de contedores. Recoméndase á veciñanza minimizar o lixo tirado ao colector verde e non tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo   



Informa (fotografías e redacción): Concello do Rosal

 O Concello do Rosal comezará a vindeira semana a modificar a ubicación dalgún punto concreto de recollida do lixo para reducir os posibles focos de infección e facilitar a desinfección dos contedores, minimizando os riscos non soamente para a veciñanza senón tamén para o persoal de recollida do lixo. 

 Lémbrase a todos os veciños e veciñas que durante esta crise sanitaria deben extremarse as medidas de precaución para evitar contaxios. Por este motivo, durante o estado de alarma débese facer un especial esforzo por reciclar e separar todas as fraccións posibles, botando envases ao colector amarelo, papel e cartón ao azul, vidro ao iglú verde, orgánica ao composteiro, roupa aos colectores destinados para ela e aceite de cociña nos contedores de aceite. Tamén debe minimizarse a fracción resto a  botar no colector verde. 


 
 Ademais, non se pode tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo, xa que se está a saturar a capacidade de recollida do Concello. En caso de ter elementos voluminosos deben gardarse na casa ata que a situación volva á normalidade e poidan ser xestionados. 

 É importante pensar no risco que corren os traballadores municipais que están a realizar unha labor esencial para manter o servizo de recollida. O uso inadecuado deste servizo expón a un risco innecesario a toda a veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario