Establecementos de alimentación do Rosal levan a compra a casa ou preparan pedidos listos para recoller
O Concello quere amosar o seu agradecemento a todas as traballadoras e traballadores do sector da alimentación, que están a desempeñar un papel clave durante a crise sanitaria
Infogauda / O Rosal
Con case todas as actividades económicas paralizadas pola crise sanitaria do COVID-19, sectores como a alimentación traballan a pleno rendemento para poder garantir que a sociedade poida dispoñer de produtos de primeira necesidade. Desde o executivo municipal indican que “nestes intres no Rosal, os supermercados seguen a enviar a compra a domicilio mentres que outros comercios de alimentación optan por facilitar a compra aos seus clientes extremando todas as medidas de seguridade. Así, por exemplo, a Tenda Paquín preparan os pedidos telefónicos para que os rosaleiros e rosaleiras soamente teñan que recollelos na tenda e así pasar o menor tempo posible na rúa. Pola súa banda, o Mercado municipal continúa coa súa actividade habitual, aínda que aplicando todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias”.
“O Concello do Rosal quere amosar o seu agradecemento ás traballadoras e traballadores de toda a cadea do sector da alimentación” que, como salienta a alcaldesa Ánxela Fernández, “estes días non poden quedarse nas súas casas. Poñen en risco a súa saúde para que o resto da veciñanza poida pasar a crise sanitaria a salvo nos seus domicilios e ter acceso a todo o necesario para cumprir o illamento minimizando no posible os efectos desta pandemia”.
Desde o Goberno Municipal do Rosal salientan que “as traballadoras e traballadores do sector da alimentación están a desempeñar un papel clave na superación da crise. Así que dende o Concello pídese á veciñanza a maior colaboración e paciencia á hora de ir a comprar e que se axude ás empregadas e empregados de supermercados e tendas de alimentación cumprindo unhas normas básica: acudir a mercar unha soa persoa por familia, usar guantes e máscara, manter a distancia de seguridade mínima dun metro, non acumular alimentos e seguir os protocolos básicos de hixiene.
Tamén se quere agradecer o labor que están a desempeñar os traballadores e traballadoras doutros ámbitos, como a sanidade, os Corpos de Seguridade e os diferentes servizos públicos ou de sectores como o farmacéutico, o transporte e todos aqueles que están colaborando dunha forma encomiable nestas circunstancias tan difíciles”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario