11 de feb. de 2020

SALCEDA DE CASELAS

A Deputación de Pontevedra recupera para as persoas o antigo Campo da Feira da Devesa 

E mellora a mobilidade da EP-2505 ao seu paso polo concello cun investimento dun millón de euros  

Carmela Silva: "Son dúas actuacións que falan ás claras do noso modelo de recuperación dos espazos públicos para a xente e da mobilidade do século XXI"

A presidenta da Deputación de Pontevedra coa alcaldesa de Salceda de Caselas, e outras autoridades, supervisando o acabado das obras de urbanización do antigo Campo da Feira da Devesa
Foto: D.PO.

Infogauda / Salceda de Caselas 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, visitou hoxe xunto á alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeiras; os deputados de infraestruturas e Cooperación, Gregorio Agís e Santos Héctor, ademais da tenente de alcaldesa Verónica Tourón e integrantes do goberno local, dúas obras levadas a cabo con achegas da institución provincial neste concello cun investimento próximo ao millón de euros, a urbanización do antigo Campo da Feira da Devesa, incluída no Plan DepoRemse, e a actuación de mobilidade sostible na estrada provincial EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano. En ambos casos, como destacou Silva, son obras destinadas a mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil, dentro da aposta da Deputación por un modelo de mobilidade "do século XXI, onde as persoas teñen que ser o centro, e as decisións máis relevantes para que isto sexa verdade pasan pola recuperación do espazo público para a xente, para que sinta que o pobo é dela".  

 Carmela Silva destacou que a reforma levada a cabo no antigo Campo da Feira da Devesa (a zona de entrada e saída da localidade), que fora o centro neurálxico e histórico da vila, permitiu habilitar "un espazo totalmente distinto e aberto, onde as e os peóns son os protagonistas e os vehículos son accesorios, porque é a xente a que vai desfrutar de todo esta zona". A obra, cun orzamento de máis de 480.000 euros, permitiu dotar á vila, como engadiu a alcaldesa Dolores Castiñeiras, dunha nova praza "de estética fermosa" de 4.000 metros cadrados, que conta cunha área de xogos infantís e equipamentos para maiores. Ademais, renováronse as redes de abastecemento e electricidade, e dotouse ao entorno dunha nova iluminación en LED. Carmela Silva destacou así mesmo que neste novo espazo "pódense realizar múltiples actividades" e resaltou a iniciativa do Concello de dotalo dun punto de Libro Viaxeiro "para que as nenas e os nenos poden levar e deixar os seus libros". "É unha gran idea do que se pode facer nun espazo público", apuntou.  

MELLORA NA EP-2505

 A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén visitou a mellora realizada na EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano de Salceda (rúa Gándara), na que a Deputación investiu medio millón de euros. O obxectivo era humanizar este entorno, habilitando espazos seguros para os/as peóns. A actuación realizouse nun tramo de 350 metros e incluíu tamén a reordenación da intersección entre a rúa Gándara e a avenida de Galicia cunha glorieta. A obra, conecta de maneira segura o centro urbano co espazo de lecer nas beiras do río Landres. Silva destacou de xeito especial a transformación que está a vivir Salceda de Caselas, "que ten un modelo de pobo" para o seu territorio e cun "goberno en feminino" que é un referente en cuestións como "a loita pola igualdade, as políticas sociais, en seguir traballando para ser un deses concellos que ten ratios de natalidade que son un exemplo a seguir, e unha referencia a nivel cultural e medio ambiental". "Salceda parece outra Salceda e a provincia parece outra provincia, porque hai un proxecto de transformación do territorio –indicou–. Espero que a Deputación poida seguir sendo esa administración que permite dotar de recursos aos proxectos que queren transformar os pobos".  

A obra, conecta de maneira segura o centro urbano co espazo de lecer nas beiras do río Landres


 A presidenta provincial volveu a insistir que a Comunidade Autónoma "entenda que é imprescindible que os concellos teñan recursos incondicionados, que haxa un Fondo Local dotado con recursos suficientes que permita que os gobernos locais poidan facer os investimentos que decidan eles, que son os que a xente votou para transformar os seus pobos, porque a verdade nesta provincia hai moitísimas ideas". "Que todos aqueles e todas aquelas que queiran gobernar este grande pais que é Galicia –engadiu– teñan en conta que un Fondo local incondicionado é fundamental. Cousas como as que hoxe vemos aquí ocorren cando hai recursos. Deberiamos apostar por este modelo de que os gobernos locais teñan máis capacidade de poder transformar".  

 Pola súa banda, a alcaldesa Dolores Castiñeiras, agradeceu a colaboración da institución provincial para "seguir dotando aos concellos pequenos como o noso dos recursos suficientes para transformar a nosa vila". Destacou que a nova praza do antigo Campo da Feira da Devesa presta especial atención a colectivos como os maiores e a infancia, ademais das persoas con mobilidade reducida: "A infancia para nós é un baluarte –destacou–, con máis de 1.600 nenos e nenas en idade pediátrica que garante que Salceda sexa un pobo con garantía de futuro. Sabemos que por parte da Deputación esa aposta vai estar garantida".

Ningún comentario:

Publicar un comentario