A conselleira do Mar participou no acto de clausura da asemblea xeral da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca)
Galicia recoñece ante Anmupesca a necesidade de que se revisen os coeficientes redutores en actividades do sector pesqueiro como a das redeiras
A Xunta de Galicia destaca o papel de Anmupesca na reivindicación dos dereitos das mulleres do mar e a importancia de traballar para que haxa remuda xeracional
Sobre os coeficientes redutores, a conselleira do Mar lembrou que precisamente este foi un dos temas tratados na reunión que mantivo esta semana coa Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a quen trasladou a necesidade de adaptalos á realidade actual do complexo mar-industria
A titular de Mar salienta que a incorporación en 2019 de Anmupesca tanto ao Consello Galego de Pesca como ao Consello Galego de Mulleres permitirá darlle voz ás mulleres do mar nestes órganos consultivos
Infogauda / Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana,
trasladou hoxe todo o seu apoio á Asociación Nacional de Mulleres da
Pesca (Anmupesca) durante a celebración da súa asemblea xeral e informou
de que a Xunta está a facer xestións para mellorar as condicións de
traballo das mulleres do sector. De feito, esta semana a titular de Mar
mantivo unha reunión coa secretaria xeral de Pesca do Ministerio de
Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, na que lle volveu
trasladar a necesidade de revisar os coeficientes redutores para
adaptalos ás novas circunstancias da frota e aos diferentes segmentos do
sector, especialmente nalgunhas actividades moi feminizadas como a das
redeiras, unificando as circunstancias a efectos laborais e de
xubilación.
Rosa Quintana explicou que o Executivo galego propón
revisar os coeficientes redutores unha vez se aprobe a proposta de
modificación do regulamento polo que se definen as características dos
barcos de pesca, dada a súa afectación aos rexistros dos que se toman os
datos para fixar os coeficientes redutores. Nese momento, engadiu,
sería oportuno facer unha análise “profunda e xeneralizada para corrixir
esta situación tan inxusta”.
Nesta liña, a titular de Mar
salientou que é vital a colaboración entre os representantes do sector e
as administracións para asegurar o futuro das mulleres de hoxe e o das
xeracións vindeiras. “Anmupesca ten moito que dicir. Sodes unha parte
fundamental de toda a estrutura que move o mar de Galicia e de España,
que é o mar que nos move”, subliñou a representante do Executivo galego.
Neste
sentido, a representante da Xunta enxalzou o labor realizado por
Anmupesca para dar visibilidade ao papel que desenvolven as mulleres en
todos os elos da cadea mar-industria e animou ás súas representantes a
seguir con ese importante traballo para igualar a situación profesional
das mulleres do sector coa dos homes. Ademais, a titular de Mar destacou
que un dos obxectivos debe ser o de asegurar que as xeracións vindeiras
se sintan atraídas polas actividades do sector con presenza feminina e
favorecer así a remuda xeracional.
Rosa Quintana, que estivo
acompañada no evento pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro,
Susana Rodríguez, salientou o bo traballo realizado por esta asociación
de mulleres desde a súa fundación en 2016 e destacou os importantes
fitos acadados durante o ano pasado, como a súa entrada cunha vogalía no
Consello Galego de Pesca e a mesma representación no Consello Galego de
Mulleres.
“Trátase doutro paso adiante para aportar a vosa
opinión en cuestións relevantes da profesión nestes órganos consultivos,
para dar máis visibilidade ao traballo da muller no sector e a
contribuír a que a toma de decisións sexa con perspectiva de xénero”,
explicou a representante do Executivo galego.
A organización
A
Asociación Nacional de Mulleres da Pesca é unha organización sen ánimo
de lucro que se constituíu en 2016 e que está integrada por 31
asociacións de seis comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria,
Comunidade Valenciana, Andalucía e Madrid). Estas entidades agrupan a
máis de 15.000 mulleres vencelladas ao mundo do mar. Entre os seus
obxectivos está a defensa dos intereses económicos e profesionais das
mulleres do sector pesqueiro, dar visibilidade ao seu papel na cadea
mar-industria, servir de instrumento e plataforma para o diálogo social e
promover unha sociedade máis igualitaria e inclusiva, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario