24 de feb. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal repartirá compost 

O vindeiro mércores día 26 de febreiro, nunha xornada de visitas ao composteiro comunitario 
 
Sara Vicente Salcidos - á dereita da imaxe -,´concelleira de Medio Ambiente do Concello do Rosal, a carón do mestre composteiro, xunto ao composteiro comunitario sito na rúa Manuel Suárez Marquier
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal participa dende fai algo máis dun ano no programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que busca reducir os residuos domésticos impulsando a compostaxe. No marco deste programa o Concello instalou o seu primeiro composteiro comunitario no pasado mes de xuño, e agora é o momento de recoller os froitos dese traballo. O compost obtido do composteiro será repartido ás veciñas e veciños rosaleiros interesados, nunha xornada que terá lugar o vindeiro mércores 26 de febreiro en dúas quendas: unha ás 11:00 h e outra ás 17:00 h. Nesta visita, ademáis do reparto do compost, o mestre composteiro amosará o funcionamento dos diferentes módulos do composteiro e resolverá ás dúbidas das persoas asistentes. 

 Dende o Concello do Rosal consideran que o impulso da compostaxe “é unha prioridade e unha iniciativa fundamental cara a un futuro máis sostible, onde todas e todos temos que por da nosa parte para reducir o impacto que temos no medio ambiente” segundo as palabras da súa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.   

 Dende o Concello convidan a calquera persoa interesada do municipio a asisitir a estas visitas, que terán lugar no propio composteiro, ubicado na rúa Manuel Suárez Marquier. Non é preciso inscrición previa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario