Lola López Mondéjar: “O século XXI estanos amosando unha ensinanza moi desvalorizada”
A psicoanalista, escritora e docente, puxo este xoves o broche de ouro á V Semana da Educación de Tomiño
Fotos: C.T.
Infogauda / Goián (Tomiño)
A psicoanalista, escritora e docente Lola López Mondéjar puxo este xoves o broche de ouro á V Semana da Educación de Tomiño nun auditorio de Goián ateigado ante o que fixo unha diagnose da “educación antropocénica que está a sufrir a sociedade contemporánea”. E foi moi contundente: “Non estamos preparando aos individuos para o mundo que se aveciña, un mundo que non terá nada que ver co que estamos a vivir nós agora mesmo”.
Os tempos cambian e con eles o tipo de educación que se lle da a nenos e nenas. López Mondéjar recordou ao público asistente a educación autoritaria do século XIX, unha educación “cunha trastenda escura pero na que se recalcaban valores de pertenza á familia, ao matrimonio... sempre dende a represión”. Mentres, como explicou a psicoanalista, “o século XXI estanos amosando unha ensinanza moi desvalorizada na que os únicos valores que se impoñen son os do capitalismo voraz, cunha ideoloxía de consecuencias dramáticas. A sociedade actual identifica a felicidade co consumismo, cunha fame de obxectos que cremos que se somos capaces de satisfacer acadaremos o noso benestar”.
López Mondejar puxo o broche de ouro á V Semana da Educación de Tomiño organizada polo concello
López Mondéjar sinalou dous conceptos fundamentais que definen hoxe en día a educación en familia: por unha banda a sobreprotección e, por outra, a percepción de nenos e nenas da indiferenza parental, “porque ao abandonar o autoritarismo e entrar nun sistema de educación ultra tolerante os nenos e nenas experimentan esa sensación de abandono ou son realmente abandonados e acaban refuxiándose nas pantallas”. Neste sentido, a escritora recalcou unha idea clave: os nenos deben aburrirse. “O aburrimento é unha ferramenta fantástica para a exploración persoal que desemboca en fantasía, en creatividade... Impoñemos aos nenos e nenas un sistema no que en lugar de ofrecer un goce que debería pasar pola imaxinacióne o xogo creativo, ofrecemos un desfrute máis semellante ao das persoas adultas, un desfrute que deixa cativos e cativas hiperconectados, nos que aumenta o individualismo e o narcisismo infantil e que impide que xurda o pensamento crítico”, salientou Mondéjar.
Un sistema, que como quixo destacar Lola López Mondéjar, que deixa futuras persoas adultas “carentes de mundo interno, que son guiados dende fóra, extremadamente manipulables” que están hiperadaptados, hiperconectados, hiperdiagnosticados e hipersexualizados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario